Escoitar

Vigo contará cunha Axencia de Enerxía

luns, 26 nov 2001
O Pleno da Corporación aprobou iniciar o expediente para crear unha Axencia de Enerxía de Vigo. En base ó programa europeo ”SAVE 2001” relativo á creación deste tipo de axencias, o Concello de Vigo, a través do Servicio de Electromecánicos, propúxolle no mes de maio á Dirección Xeral de Enerxía e Transporte da Comisión Europea a creación dunha Axencia Intermunicipal de Enerxía, que avaliou positivamente.

Os obxectivos propostos para a Axencia son mellorar o uso racional da enerxía, limitando o seu despilfarro: formar os usuarios sobre o uso racional da enerxía: difundir as ventaxes na implantación de instalacións de enerxía renovable, especialmente eólica e solar: levar a cabo actividades e campañas na implantación e difusión de boas prácticas de aforro enerxético: limitar as emisións de CO2 e protexer o medio ambiente mediante o uso racional da enerxía.

O ámbito de actuación da Axencia será a cidade de Vigo e os municipios da súa área de influencia, especialmente aqueles que, pola súa carencia de medios persoais ou materiais, non poden acometer por si mesmos as actuacións propias da Axencia.

As esferas onde se actuará serán as vivendas, servicios do sector público e privado, pequenas e medianas empresas, desenvolvemento local ou provincial e a súa planificación, xestión do transporte, infraestructuras da administración local ou provincial, e aprovisionamento de enerxía, incluíndo o desenvolvemento de sistemas rexionais de enerxía que utilicen recursos renovabeis e locais.