Escoitar

Ewa Poblocka e Cuarteto Leipzig: Concertos de Schubert e Brahms no Festival Are-More

venres, 23 nov 2001
Figuras de impresionante relevo no panorama musical actual danse cita neste concerto do Festival Are-More, que se dedica, por enteiro, á posta en escena de concertos completos para piano de compositores de gran prestixio. Por un lado, a pianista Ewa Poblocka e por outro o Cuarteto de Corda Leipzig serán os protagonistas dunha importante velada de música clásica con obras de Schubert e de Brahms.

Ewa Poblocka está considerada, na actualidade, como a mellor pianista de Polonia. Despois de cursa-los seus estudios na Academia de Música de Gdansk, foi galardoada con algúns dos máis prestixiosos premios nos concursos de piano de Vercelli, Bordeos e Varsovia. Actuou na maior parte dos teatros e salas de Europa, Xapón, Australia e América. Entre eles, cabe salienta-lo Auditorio Nacional de Madrid, o Wigmore Hall de Londres, o Musikverein de Viena ou o Lincoln Center de Nova York.

Poblocka actuou con orquestras tan importantes como a London Symphony, a English Chamber ou o Maggio Musicale Fiorentino. Ademais das súas interpretacións en directo, a pianista obtivo un importante número de premios polas súas gravacións discográficas que, no dicir dos críticos, son das mellores que se poden escoitar na actualidade no seu xénero. Non en van gravou con multitude de selos discográficos, entre os que se atopan os de maior prestixio en música clásica como Deutsche Grammophon, Grüner&Jahr ou Víctor JVC.

En 1996 obtivo o premio ó mellor disco do ano coa súa gravación do concerto para piano de Lutoslawski, dirixida polo propio compositor. En 1998 recibiu de novo o galardón, así como o premio do Polish Board of Phonography, polos seus concertos para piano de Panufnik, Lutoslawski e Szymanski. As súas gravacións máis recentes foron as Mazurcas completas de Chopin, Fantasía ou the Polish Airs Op.2, as suites completas de Bach e tódolos Nocturnos de Faure.

Ewa Poblocka ofrece tamén, nas súas xiras, concertos de música de cámara, nos que colabora con cantantes como Ewa Podles, Jadwiga Rappé ou Olga Pasichnyk, así como co Cuarteto de Corda de Silesia.

Con Poblocka actuarán no concerto de ARE MORE os integrantes do Cuarteto de Corda Leipzig, considerados como unha das formacións máis sobresaíntes e cun repertorio máis variado de cantas hai na actualidade.

Fundado no ano 1988, este cuarteto conta por éxitos tódalas súas actuacións. Está integrado polos violinistas Andreas Seidel e Tilman Büning, o alto Ivo Bauer, e o violonchelista Matthias Moosdorf. O cuarteto interpreta tanto música contemporánea como obras dos clásicos.

Efectuou máis de corenta xiras por todo o mundo, e participa habitualmente nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos. Tamén foi protagonista de concertos con solistas da calidade dos pianistas Christian Zacharias e Andreas Staier, os clarinetistas Karl Leister e Paul Meyer, ou o violonchelista Michael Sanderling. Máis de trinta gravacións discográficas completan o seu repertorio, entre as que destacan, sobre todo, as realizadas sobre obras de Schubert, que foron consideradas como unha das contribucións máis importantes na conmemoración, en 1997, do ano deste compositor. O cuarteto obtivo innumerables premios pola súa actividade discográfica. Dende o ano 1991 organiza a súa propia serie de concertos “Pro Quatuor”, así como outras iniciativas para potencia-la música de cámara. Co Cuarteto Carmina de Suíza, iniciou un ciclo de cuartetos de Beethoven no que participan cada ano seis novos cuartetos de corda europeos.

Unha gran conxunción de artistas de primeira fila para o concerto de ARE MORE no que as obras escritas para piano serán as protagonistas.


BIOGRAFÍAS

PROGRAMAS