Escoitar

O alcalde trasládalles ós empresarios unha mensaxe de optimismo no futuro económico de Vigo e da súa área

xoves, 22 nov 2001
O alcalde, Lois Castrillo, inaugurou o Congreso de empresas familiares Galicia-Norte de Portugal no auditorio de Caixanova e salientou a importancia da pequena e mediana empresa no desenvolvemento economía e emprego da cidade.


DISCURSO DO ALCALDE NA APERTURA DO CONGRESO DE EMPRESA FAMILIAR DE GALICIA E O NORTE DE PORTUGAL


A palabra “globalización” escóitase en tódolos foros que analizan os procesos de transformación social e económica do planeta. Vivimos tempos nos que a acción local tende a se converter en simple consecuencia de decisións dun ámbito moi superior. No terreo empresarial son anos de fusións, de formación de grandes conglomerados empresariais, de expansión das compañías transnacionais en dura loita por acceder a máis cota de mercado e desprazar competidores.

Galicia, Vigo, non son alleos en absoluto a este proceso. Tamén aquí somos testemuñas dos procesos de concentración empresarial, da política agresiva das grandes sociedades que anceian ampliar entre nos a súa presencia, e do traballo das nosas firmas máis senlleiras por abrírense paso noutros paises para poder competir en situacións de equilibrio.

Pero ese panorama de grandes compañías con moitos números no seu balance non describe, nin moito menos, toda a paisaxe empresarial da nosa cidade. A pequena e mediana empresa, as sociedades de orixe familiar, conforman a meirande parte do tecido productivo de Vigo, da súa bisbarra e tamén do norte de Portugal. Son ademais a principal fonte de emprego desta área, entre un 60 e un 80% do emprego non público. As pequenas e medianas empresas de tipo familiar son á vez un modo de vida e unha estructura socioeconómica características de Galicia e Portugal: son tan consustanciais á nosa eurorrexión que abonda unha ollada ás nosas cidades e vilas para decatarse do enraizamento deste tipo de sociedades.

As reducidas dimensións das Pemes supoñen algunhas vantaxes na súa xestión, pero tamén son a causa das dificultades que aparecen á hora de superar os problemas que suscita a adaptación destas empresas ás novas condicións do mercado. É neste punto onde as agrupacións sectoriais como a CEP deben xogar un papel fundamental. O traballo asociativo en eidos como o da formación, as tarefas de asesoramento ou a prestación de servicios mancomunados son axudas fundamentais para as pequenas empresas que buscan facerse un sitio no futuro. Congresos coma este son valiosas aportacións nese labor emprendido dende a CEP para dar resposta ás inquedanzas dos pequenos empresarios, contribuindo a orientar a súa actuación.

Se algo distinguiu á nosa economía no pasado recente foi a súa capacidade de adaptación aos cambios operados a nivel mundial. Moitas veces tense posto Vigo como exemplo de cidade que mantén o seu crecemento económico malia as sucesivas crises. É un feito que a nosa bisbarra segue a desenvolverse vencendo inercias derivadas dun pasado que en ocasións nos condiciona en demasía. Por iso podo trasladarlles a vostedes unha mensaxe de ilusión, apoiada nos datos que nos sinalan como unha área que reune condicións potenciais para se consolidar como un polo de desenvolvemento socioeconómico.

A pequena e mediana empresa familiar é o colchón sobre o que se sustenta gran parte da economía deste espacio transfronteirizo que comparte cultura e futuro. Quixera transmitir nesta intervención a confianza necesaria para que sigades avanzando e comunicarvos que a administración local, na medida das súas posibilidades e contando coa necesaria participación do ámbito empresarial está a deseñar as liñas estratéxicas para facilitar o desenvolvemento da cidade a da súa área de influencia.