Escoitar

Inauguradas as obras realizadas polos traballadores do PROMIL no club de fútbol de Sampaio

xoves, 22 nov 2001
imx816.jpg
Obra realizada
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, inaugurou as obras que o persoal do Programa Municipal de Integración Laboral (PROMIL) fixo no Club de Fútbol de Sampaio. O acto tamén contou coa presencia do concelleiro de Deportes, dos membros da Comisión paritaria e seguimento e da Comisión de selección e control deste programa de emprego.

As obras consistiron na construcción de dous aseos públicos, un para mulleres e outro para homes, e un almacén para o material deportivo. Unha brigada do PROMIL, composta por tres peóns e tres oficiais de diferentes especialidades, investiron dous meses na execución da obra.

Co desenvolvemento desta obra nun campo de fútbol cúmprese un obxectivo de interese social, ó ser unha instalación deportiva importante para os veciños de Sampaio, e o de formación práctica dos peóns. O PROMIL, ata agora, fixo traballos de mellora nos Campos de Fútbol do Sárdoma, de San Andrés de Comesaña e do Meixoeiro. Nas obras do PROMIL, a man de obra, a dirección técnica e as ferramentas dependen deste programa de emprego, correndo a cargo do Instituto Municipal de Deportes, neste caso, os materiais utilizados.

Na actualidade o equipo de traballo do PROMIL está constituído por case un cento de persoas organizadas en brigadas baixo a dirección dun equipo técnico da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego. Levan a cabo un programa de obras municipais de acordo coas necesidades suxeridas polos diferentes departamentos do Concello.

O PROMIL é unha das principais ferramentas do Plan Municipal de Emprego 2000-2003 para facilitar a inserción laboral dos desempregados de longa duración con especiais dificultades de desenvolvemento no mercado de traballo. Con este proxecto, pioneiro en Galicia, ó mesmo tempo que se lles ofrece ós seus beneficiarios un traballo e un salario dignos coa formación complementaria necesaria para mellorar significativamente a súa situación, intenta ser un servicio de verdadeiro interese e utilidade para ós vigueses, como é o da realización de determinadas obras municipais necesarias para a mellora do seu medio urbano e rural.

Descargar todas as imaxes