Escoitar

O Concello colocará semáforos no cruce de Fragoso con Espedrigada

luns, 26 nov 2001
A Comisión de Goberno acordou colocar semáforos no cruce da Avenida de Fragoso coa Espedrigada. Deste xeito, preténdese mellorar o fluxo circulatorio nunha encrucillada que, previsiblemente soportará no futuro un maior volume de tráfico ao converterse a Espedrigada nunha rota alternativa á avenida de Balaídos para os conductores que queiran acceder a Fragoso.

A adquisición deste sistema semafórico farase mediante un concurso para o que se establece un prezo de licitación de 3.488.269 ptas.

Así mesmo, a Comisión de Goberno acordou instalar un novo sistema de control de tráfico en Camelias e nos accesos ao colexio Fleming. Vaise colocar no cruce de Camelias con Ourense unha cámara conectada coa sala de control de tráfico do Concello. Asemade instalarase un sistema de telemando que, manexado dende o Concello, permitirá manexar as barreiras que impiden o paso de vehículos fronte ao colexio Fleming durante o horario lectivo. O prezo de licitación establecido no concurso para adquirir este sistema é de 6.999.725 ptas.