Escoitar

Vigo celebra mañá o "Día Europeo sen coche" con parte do transporte urbano gratuito durante todo o día

Coa intención de desaloxar os centros urbanos de tráfico e contaminación, así como de facer un uso responsable do automóvil nun contexto de crise enerxética, Vigo súmase ao millar de cidades europeas que celebran o Día sen coche. As viaxes nos buses de Vitrasa circulares centro e C2 serán gratis durante toda a xornada.

martes, 21 set 2004
Mañá mércores terá lugar en todo o vello continente o "Día Europeo sen coche", un programa encaminado a concienciar á poboación da necesidade de facer un uso racional e moderado dos automóviles particulares. O programa de actividades relacionadas con este día comezaron o domingo 19 cunha marcha ciclista de carácter popular.

O mércores 22, as viaxes nos buses de Vitrasa circulares centro e C2 serán gratis durante todo o día, facilitando con esta iniciativa que os particulares deixen os seus vehículos na casa. Ás 15.00 horas, pecharase a praza de Compostela e o seu entorno xa que, as 17.00 horas, comezarán as actividades lúdicas dirixidas aos máis pequenos. O espectáculo estará organizado polo paiaso Popín e a Federación de peñas recreativas "El Olivo".

Estas actividades poderán coñecerse en Vigo coa distribución de 10.000 programas e 250 carteis ademáis de 10.000 octavillas a colocar nos parabrisas dos coches. Ademáis reforzarase cunha campaña de publicidade en prensa nos principais periódicos da cidade (Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Atlántico Diario).

O "Día Europeo sen coche" entra dentro da "Semana Europea da Movilidade", unha iniciativa que reflexiona sobre a saturación do tráfico e a contaminación acústica nas principais cidades europeas, cuestión que incide profundamente na calidade de vida dos cidadáns.

Outra das principais motivacións do día sen coche é a de facer dos centros das cidades un lugar seguro para os nenos, e que estos recuperen o seu lugar xogando nas rúas sen perigo. Esta idea, apoiada na revitalización do casco histórico como centro patrimonial e cultural, ten como intención desaloxar os centros urbanos do caos circulatorio.

A campaña ¡A cidade sen o meu coche! foi ideada con este nome por primeira vez en Francia en 1998, e foi establecida como iniciativa pola Comisaria europea de Medio Ambiente, Margot Wallström, no ano 2000. As cidades involucradas neste proxecto aumentan cada ano e das 760 participantes en 2.000 pasouse a máis de 1.000 en 2003.