Escoitar

"THE LAST PICTURE SHOW", exposición fotográfica no Marco

A exposición THE LAST PICTURE SHOW: Artistas que usan a fotografía. Tendencias conceptuais de 1960 a 1982, é a exposición que se poderá visitar no MARCO dende o 28 de maio ata o 29 de setembro e trátase dunha producción do Walker Art Center de Minneapolis na que se explora os novos usos e tendencias conceptuais da fotografía durante dúas décadas fundamentais na estética contemporánea.

venres, 28 mai 2004
1085740339thelost.jpg
O MARCO de Vigo acolle esta mostra, en exclusiva para España, como unha oportunidade única de contemplar obras de artistas que, pola súa calidade e características, convertéronse en referentes da historia da arte contemporánea internacional. The Last Picture Show inclúe préstamos dun importante conxunto de coleccionistas privados, galerías e museos de todo o mundo, ademais de numerosas obras pertencentes á colección permanente do Walker Art Center.

Esta mostra explora o desenvolvemento das tendencias conceptuais na fotografía de posguerra, desde os seus primeiros pasos nos anos 60, en traballos de artistas como Bernd & Hilla Becher, Edward Ruscha e Bruce Nauman, ata o seu ascenso á preeminencia mundial, na obra de artistas fotográficos de finais dos 70 e principios dos 80, como Sherrie Levine, Richard Prince e Cindy Sherman. Esta exposición ofrece unha xenealoxía do nacemento dunha práctica fotográfica aínda hoxe poderosa e en evolución. A conforman case 200 obras de 55 artistas que cobren unha grande diversidade de temas, que amplían os parámetros da fotografía moderna, sen perder de vista as orixes da práctica fotográfica no século XIX.
Descargar todas as imaxes