Escoitar
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, anunciou hoxe durante unha visita ás obras a apertura ao tráfico deste tramo de 370 metros de lonxitude e dous carrís de circulación

O vindeiro martes entrará en funcionamento o paso soterrado de Travesía de Vigo

O vindeiro martes, 1 de xuño, entrará en funcionamento o paso soterrado de Travesía de Vigo. A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, anunciou durante unha visita ás obras, a apertura ao tráfico deste tramo, que financia a empresa constructora do centro comercial da Travesía de Vigo, e que tivo un custo de 6,6 millóns de euros.

xoves, 27 mai 2004
O proxecto incluiu a execución dun paso inferior de 370,51 metros na Travesía de Vigo e a reordenación da superficie da intersección da citada travesía coa rúa Aragón. A sección do paso inferior ten 2 carrís de circulación (un por sentido) con arcenes e beirarrúas de emerxencia, ás que se accede por dúas rampas que conectan coa rasante da Travesía de Vigo. O ancho total do paso inferior é de 9,06 metros e o gálibo mínimo no interior do paso é de 4,5 metros. A cada lado do paso inferior hai 2 carrís de 3 metros de ancho ao nivel actual da rúa. Para isto foi necesario eliminar as zonas de aparcamento en liña na beirarrúa norte da travesía. Esta disposición provoca que nos puntos de saída do paso soterrado existan tres carrís por sentido, que se reducen a dous nas chegadas da Travesía de Vigo ás glorietas da intersección coas rúas Cantabria e Bailén.

Co fin de garantir a ventilación do paso e aumenta-la súa iluminación natural, este está descuberto parcialmente mediante unha pérgola na zona baixo a isleta axardinada proxectada na intersección en superficie da Travesía de Vigo coa Rúa Aragón. O novo deseño desta intersección consta dunha rotonda axardinada, con dous carrís de circulación, que permite todos os movementos posibles entre a Travesía de Vigo e a rúa Aragón, e dunha serie de isletas axardinadas para canalizar o tráfico. As obras afectaron a unha serie de servicios, como a rede de abastecemento de auga, a rede eléctrica, a telefónica e a rede de saneamento municipal.

A glorieta na intersección coa rúa Aragón está definida por un eixe circular de 23,8 metros de radio. A sección trasversal da glorieta é de dous carrís de 4 metros cun arcén interior de 0,50 metros.

En canto ao firme, nas beirarrúas elixiuse un pavimento igual ao disposto no resto da Travesía de Vigo polo proxecto de humanización, que consiste en 20 cm. de formigón na base e loseta hidráulica de 15x15 cm. Este firme instalouse tamén no paso inferior. Asímesmo, colocaronse por motivos de uniformidade bordillos de granito nas beirarrúas da Travesía de Vigo, que sustituíronse por formigón no paso soterrado.