Escoitar

Pasado, presente e futuro do Barrio Histórico

martes, 12 xuñ 2001
imx332.jpg
”A memoria é a vida. O proxecto para un porvir que recomeza” é o título dunha mostra sobre o Barrio Histórico de Vigo que permanecerá aberta ata o 30 de xuño no primeiro andar do local da Federación ”Eduardo Chao”. O Centro de Servicios Comunitarios, situado na antiga Casa Rectoral, acolle a exposición administrativa do avance do Pepri.

Para poñer remedio á situación de esmorecemento e degradación do Casco Vello nos últimos tempos puxéronse en marcha programas de intervención e de investimentos. Os máis salientables foron o programa Urban, con fondos europeos, e a creación da Oficina Municipal de Rehabilitación da Vivenda. As actuacións do plan Urban abranguen, entre outras, a mellora das infraestructuras como novas redes de servicios e pavimentacións en rúas e prazas, novos equipamentos sociais e culturais, melloras nas actividades económicas do barrio, rehabilitación de fachadas e cubertas, plan de normalización de elementos urbanos e programas sociais e de formación de emprego.

Oficina Municipal de Rehabilitación da Vivenda

Comezou a súa andaina en maio de 2000, dedicada a xestionar as axudas públicas existentes para a rehabilitación de edificios e vivendas na área de rehabilitación do Casco Vello.

O Concello de Vigo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Ministerio de Fomento son as institucións que contribúen a financiar economicamente este programa dentro do Plan de Vivenda 1998-2001.

Despois dun ano de atención personalizada á veciñanza do barrio histórico, xa se adxudicaron máis de 100 millóns de pesetas en forma de subvencións a fondo perdido, dentro duns investimentos xerais nesta materia de 270 millóns de pesetas.

O vindeiro 31 de xullo finaliza o prazo de admisión de novas solicitudes de axudas para a terceira fase do programa de rehabilitación do barrio histórico, e estímase que este programa de financiamento público seguirá a ter continuidade nos vindeiros anos. A Oficina de Rehabilitación está situada no primeiro andar da Casa do Concello.

Avance do Pepri

O Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) do Casco Vello de Vigo pretende sentar sobre bases firmes o desenvolvemento integral desta emblemática peza urbana da cidade, aquela na que mellor se sustancia a súa memoria.

O que agora se presenta a coñecemento da cidadanía é un avance dese plan no que se pretenden definir a estratexia, as directrices, os obxectivos xerais e a formulación de propostas de intervencion que, a modo de exemplificacións, poidan servir para que as institucións, as asociacións, a poboación do barrio e a cidadanía viguesa en xeral poidan pronunciárense sobre o seu acaemento, facendo as suxestións que estimen oportunas.

De tódolos xeitos, o avance non é un punto de partida, pois nestes últimos anos o labor a prol da recuperación, rehabilitación e posta en valor do Casco Vello ten sido unha constante e os resultados xa comezan a ser significativos. Porén, é un documento do que a elaboración, a tramitación e, sobre todo, a xestión, van determinar que ese proceso culmine de xeito positivo, pois ten que ser a través das súas determinacións que se consiga o punto de consenso preciso para facer realidade unha nova xeira de esplendor para o emblemático lugar da cidade que, logo de máis de medio século de decadencia, aínda segue a ser o grande descoñecido para milleiros de vigueses.

Con esta exposición preténdese corrixir esa eiva, axudando a redescubrir o berce da urbe.
Descargar todas as imaxes