Escoitar

O alcalde presidiu os actos con motivo da celebración do Día de Portugal

luns, 11 xuñ 2001
A conmemoración da festa nacional lusa, na que os portugueses lembran as súas comunidades no exterior e tamén a figura de Luis de Camoes, pai das letras portuguesas, celebrouse hoxe na Praza de Portugal.

”Galicia e Portugal volven a ollárense de fronte e téndense a man en numerosos proxectos de colaboración que borran vellas fronteiras e reticencias. A eliminación das fronteiras físicas e das barreiras económicas propiciada pola confluencia dos dous países na Unión Europea abriunos novos horizontes”, dixo o alcalde Lois Castrillo.

Castrillo aludiu ó traballo de incrementar a colaboración na mellora das infraestructuras de comunicación na Eurorrexión, nos intercambios culturais, na explotación conxunta do potencial turístico ou na cooperación entre as universidades.

”Nese camiño estamos traballando dende as institucións, ao tempo que a sociedade asimila de forma natural a nova situación. Cada vez son máis as persoas que cruzan o Miño habitualmente para traballar ou disfrutar do seu tempo de ocio, ao tempo que medra a colonia de galegos residentes en Portugal e de portugueses que viven entre nós”, sinalou o alcalde vigués.