Escoitar

A Concellería de Parques e Xardíns continúa co programa de renovación dos xogos das áreas infantís

luns, 11 xuñ 2001
imx329.jpg
A Concellería de Parques e Xardíns continúa co programa que principiou hai aproximadamente un ano de renovación dos xogos infantís que están repartidos polos parques da cidade. Hoxe aprobouse outro prego de condicións para adquirir novos aparellos por un valor de 25 millóns de pesetas.

Con este novo investimento, acadarase a cifra de 70 millóns de pesetas dedicadas no último ano e medio a renovar os xogos infantís dos parques da Vigo. Este esforzo investidor ten como finalidade substituír todos os xogos que non reunían os requisitos de calidade establecidos pola normativa en vigor e que estaban espallados polos espacios públicos de Vigo. Con este programa de renovación conseguirase que todos os parques conten con aparellos homologados e ademais reforzaranse as dotacións nas áreas do municipio onde se concentra máis poboación infantil.

A Comisión de Goberno aproba convenios coas bandas de música e con Alecrín

A Comisión de Goberno aprobou o proxecto e convenio que o Concello vai asinar este ano coas Bandas Populares de Música de Vigo. O convenio recolle o compromiso das 10 bandas que funcionan no noso municipio de ofrecer doce concertos cada unha delas nas datas e os lugares que determine o Concello. Como compensación recibirán dezanove millóns e medio de pesetas.

Outro convenio que recibiu hoxe o visto e prace do Goberno municipal é o que vai asinar a Concellería da Muller coa Asociación de Mulleres Alecrín. O obxectivo é neste caso garantir o libre acceso do público ao Centro de Documentación e Biblioteca Alecrín. O Concello aportará este ano seis millóns de pesetas á asociación que servirán para que a Alecrín elabore unha páxina web na que anuncie os contidos e servicios do seu Centro de Documentación e para manter unha bibliotecaria que oriente ás persoas que decidan consultar esa biblioteca.

Contratación da asistencia técnica para a xestión de expedientes de ruídos

Aprobouse o prego de condicións para a contratación da asistencia técnica e administrativa para axilizar a xestión de expedientes de acordo coa aplicación da normativa de ruídos. Terá un presuposto de cinco millóns de pesetas.

A posta en marcha da campaña para evitar a contaminación acústica provocou que se abrisen máis de 200 expedientes que colapsaron o servicio da Concellería de Medio Ambiente. Cando se tramite este volume inicial de queixas, o departamento do Concello retomará a xestión dos expedientes.

Adquisición de vehículos para a Policía local

A Comisión de Goberno aprobou o prego de condicións para a adquisición de vehículos para a Policía local co obxectivo de manter a política de renovación do seu parque móbil. Adquirirase un vehículo para a xefatura valorado en 3.600.000 pesetas, un para atestados por 4.800.000, seis motocicletas por 9.000.000 e tres coches patrulla.
Descargar todas as imaxes