O XII Torneo de Pádel Concello de Vigo converterá Máis que Auga nun punto de encontro deportivo e solidario
A competición celebrarase do 26 de xuño ao 5 de xullo nas instalacións de Máis que Auga Barreiro e Navia e incluirá o Campionato Galego de Pádel de Menores.
O Concello de Vigo acolleu esta mañá a presentación do XII Torneo de Pádel Concello de Vigo 2026, unha cita xa consolidada no calendario deportivo da cidade, que se celebrará do 26 de xuño ao 5 de xullo nas instalacións de Máis que Auga Barreiro e Máis que Auga Navia. Durante dez días, o torneo reunirá competición amateur, categorías federadas, pádel adaptado, xornada de promoción do pádel dos menores e unha importante vertente solidaria a favor da Asociación Española Contra o Cancro.
No acto participaron o concelleiro de Deportes, Manel Fernández; o director xeral de Máis que Auga, Francisco Cortegoso; o presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Pedro Iglesias; a xuíza árbitra do torneo, Lorena Curiel; o secretario da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Vigo, Secundino Lusquiños; e representantes do equipo feminino do Club Pádel Barreiro, organizador do torneo, Rebeca Ruibal e Teresa Cereijo.
O concelleiro de Deportes recordou que o pasado ano xa se acadara o récord mundial de inscrición nun torneo de pádel amateur, cun total de 1.042 inscricións, e que agora esperan volver a superar ese número. Manel Fernández destacou o traballo do equipo Máis que Auga, o apoio das empresas colaboradoras, así como do Concello de Vigo, e animou a todos aqueles participantes do pádel a inscribirse. Pola súa banda, Francisco Cortegoso explicou que cando naceu o torneo tiña moi claro o obxectivo: “En Galicia había e hai moitos torneos federados, dirixidos a un perfil de xogador máis profesional, pero dende o principio a nosa idea era ofrecer unha experiencia diferente, máis profesional, para o xogador e xogadora amateur”. Cortegoso destacou que Máis que Auga lidera o pádel en Vigo, “estamos orgullosos de dicilo porque iso é o que amosan os números: O ano pasado xogáronse 16.000 partidos nas instalacións de Máis que Auga, 4.500 persoas repiten mes a mes, partido a partido nas nosas pistas, e iso unido á escola de pádel con 800 alumnos, entre adultos e menores, forman unha gran masa social, que é á que vai dirixida o torneo”.
Tal e como explicou a xuíza árbitra da competición, Lorena Curiel, o torneo contará con diferentes modalidades pensadas para facilitar a participación do maior número posible de deportistas:
- Pádel en cadeira de rodas.
- Categorías federadas de menores, desde benxamín ata xúnior, dentro do Campionato Galego de Pádel de Menores.
- Categoría Lendas, dirixida veteranos e veteranas do pádel vigués.
- Categorías federadas masculina e feminina Ouro, con premios en metálico e presenza dalgunhas das mellores palas de Galicia.
O prazo de inscrición xa está aberto e a resposta inicial está sendo moi positiva. De feito, nestas datas a participación supera nun 20% os datos da edición anterior, polo que, de seguir esta progresión, poderían superarse os 1.200 participantes, o que suporía a maior cifra da historia do torneo. O prazo para anotarse rematará o 22 de xuño. A participación ten un custo de 15 euros por persoa (primeira inscrición), que que inclúe un welcome pack de recordo valorado en 30 euros. Como xa é habitual, o torneo manterá o seu compromiso social. Así, destinará 1 euro de cada inscrición á Asociación Española Contra o Cancro, ademais de habilitarse unha fila cero solidaria para aquelas persoas ou entidades que queiran colaborar coa causa. O secretario da AECC en Vigo, Secundino Lusquiños, agradeceu a vertente solidaria que ten o torneo e que en concreto se dedique a este colectivo, que “traballa por e para as persoas enfermas de cancro e as súas familias, e destina unha parte importante do seu orzamento á investigación, xa que o noso obxectivo é lograr que no ano 2030 a porcentaxe de supervivencia desta enfermidade sexa do 70%”.
Campionato Galego de Pádel de Menores
Unha das grandes novidades desta edición será a incorporación do Campionato Galego de Pádel de Menores, unha cita na que preto de 160 nenos e nenas disputarán os títulos autonómicos nas diferentes categorías, que se celebrará no Complexo de Pádel de MQA Barreiro, que estreará as catro novas pistas. Ademais, o torneo volverá apostar pola promoción do deporte base cunha xornada de pádel para menores, de carácter gratuíto e subvencionada polo Concello de Vigo. Tamén terá continuidade a categoría de pádel en cadeira de rodas, igualmente gratuíta e subvencionada polo Concello, reforzando así o compromiso do evento coa inclusión e coa participación de todos os colectivos.
Un reto mundial con finalidade solidaria
O XII Torneo de Pádel Concello de Vigo contará cun desafío moi especial: a organización traballa para tentar superar o récord do mundo do partido de pádel máis longo da historia, establecido actualmente en 40 horas de xogo continuado. O reto terá tamén unha importante vertente solidaria. Por cada dous minutos de duración do partido destinarase 1 euro á Asociación Española Contra o Cancro, polo que, de alcanzarse as 41 horas de xogo, a doazón superaría os 1.200 euros. A partir de hoxe, día de presentación do torneo, abrirase o proceso de selección das catro persoas que participarán neste desafío, buscando deportistas voluntarios cunha excelente condición física para afrontar un reto destas dimensións. Con esta nova edición, o Torneo de Pádel Concello de Vigo continúa medrando como unha das grandes citas deportivas do verán vigués, combinando competición, participación cidadá, inclusión e solidariedade.