Vigo celebra o Día das Letras Galegas cunha ampla programación cultural por toda a cidade
Abel Caballero destacou os acto central, o propio 17 de maio na Porta do Sol. Haberá máis programación con música, regueifas e actividades escolares en homenaxe a Begoña Caamaño. O Correlingua, a actividade organizada cos centros educativos, será o 22 de maio.
O alcalde presentou a programación municipal para celebrar o Día das Letras Galegas, cun conxunto de actividades que se estenderán por toda a cidade ao longo do mes de maio. O acto central terá lugar o 17 de maio ás 12:00 horas na Porta do Sol, cunha lectura do bando a cargo do director da ETRAD, Anxo Pintos, seguida de lecturas de textos da autora homenaxeada este ano, Begoña Caamaño, e unha actuación musical da propia escola.
A celebración estenderase a distintos barrios con actuacións de regueifas o mesmo día 17 en Alcabre, Matamá e Valadares, e continuará os días 18, 19 e 20 con concertos da ETRAD na rúa Príncipe, fronte ao MARCO. Ademais, o 22 de maio terá lugar o Correlingua coa participación de centros educativos e o 23 unha nova actuación de regueifas en San Miguel de Oia. O Concello tamén levará aos colexios o libro “Mulleres nas nosas letras” e material divulgativo sobre a autora.
A programación complétase durante todo o mes con actividades na Biblioteca Neira Vilas, como sesións de contacontos, lecturas públicas, representacións teatrais e a campaña “Begoña Caamaño, a forza das palabras”, que inclúe materiais didácticos e un caderno de pasatempos con sorteos de libros.
“Queremos que Begoña Caamaño teña a homenaxe da cidade que merece”, concluíu.