O Concello apoiará o V Congreso Internacional Verniano no ano 2028
O alcalde recibiu aos representantes da Sociedade Jules Verne de Vigo e amosou a súa “máxima ilusión” pola celebración na cidade do V Congreso Internacional Verniano no ano 2028, coincidindo con tres efemérides clave: o bicentenario do nacemento de Jules Verne, o sesquicentenario da súa primeira visita a Vigo e o 160 aniversario da chegada do Nautilus á ría. Caballero cualificou o evento como unha “oportunidade extraordinaria” para a proxección internacional da cidade e comprometeu a colaboración do Concello “en todo o necesario” para garantir o éxito da cita. O congreso reunirá en Vigo a especialistas internacionais na figura do escritor francés, que presentarán novos estudos sobre a súa obra e legado, consolidando a cidade como referente verniano. O alcalde destacou a relevancia de que Vigo se sume a sedes como Barcelona, A Habana, Palma de Mallorca ou Colombia, e subliñou que a cidade está preparada para acoller “un congreso excepcional” que reforzará a súa dimensión cultural e científica a nivel global.