O martes 14 de abril celebrarase a XXVII Gran Gala do Deporte de Vigo no teatro Afundación
O martes 14 de abril terá lugar no Centro Cultural Afundación a 27 edición da Gran Gala do Deporte de Vigo. Esta gala é a referencia do deporte da cidade e dos municipios da súa área , na que hai 73 deportistas candidatos ao premio ao mellor deportista feminino e masculino nas categorías absoluto e promesa (sub-19).
Hoxe presentouse no Concello a Gran Gala do Deporte de Vigo, que está organizada por Faro de Vigo e conta co apoio de ABANCA. Á presentación acudiron Juan Carlos da Silva e Pedro Costa, representantes de Faro de Vigo; Manuel Alonso Rodríguez, representante de ABANCA; e os concelleiros Manel Fernández e María Lago. Esta gala ten unha gran relevancia para a cidade, destacando a importancia do deporte en Vigo e en toda a súa área metropolitana. O alcalde resaltou que o deporte “é un valor colectivo e fai a todos e todas iguais”. A gala pon en valor o aprendizaxe intrínseco do deporte, como o compromiso, a superación, o respecto o traballo en equipo, o compañeirismo e a solidariedade; e tamén da visibilidade ás disciplinas minoritarias.
A gala será o martes 14 de abril ás 20h no Centro Cultural Afundación e preséntanse 73 candidaturas, 35 mulleres e 38 homes, divididos en categoría absoluta e promesa (sub-19). Outorgaranse os premios a mellor deportista feminina e masculino en ambas categorías. Dentro dos nominados na categoría absoluta, 23 deportistas participaron en competicións internacionais de alto nivel e 16 conseguiron un podio en Europeos ou Mundiais en 2025. Ademais, entre os aspirantes promesas hai 11 campións de España e 13 competiron a nivel internacional. En ambas categorías, hai deportistas que repiten candidatura este ano. Tamén se entregará o premio Luís Miró, á traxectoria de todo unha vida deportiva, que é secreto ata o día da gala; e haberá once mencións especiais para clubes, dirixentes, técnicos e deportistas.
Dentro da programación, o luns 6 de abril ás 18h no MARCO recoñecerase aos deportistas promesas e, o mércores 8, o alcalde terá un encontro no Concello coas empresas que apoian o deporte vigués. Ademais, nos días previos á gala, Faro de Vigo, publicará na súa web unha exposición virtual dos candidatos sénior e promesa.