O alcalde reclama á Xunta non pechar centros de saúde pola apertura do Olimpia Valencia
O alcalde reclamou hoxe á Xunta que manteña aberto o centro de saúde Nicolás Peña, que pechará o próximo mes abril, e que rehabilite para a súa reapertura as instalacións de López Mora. “Alégranos a apertura do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia pero queremos que se manteñan abertos os dous pechados”, recalcou.
Abel Caballero apuntou este mércores que os peches dos centros de saúde das rúas López Mora e Nicolás Peña son executados pola Xunta de Galicia a pesar do colapso que mantén a Atención Primaria de Vigo, con esperas de ata 15 días para acceder a unha consulta. “Quero que a cita a dean ao día seguinte de solicitala porque non se pode estar a esperar 3, 5 ou 15 días esperando”, reclamou.
O rexedor incidiu en que a estratexia da Xunta de abrir un centro de saúde e pechar dous “é unha mala decisión que vai empeorar a situación actual”. Lembrou que a reorganización sanitaria tamén conleva o traslado de usuarios e médicos de Pintor Colmeiro, Coia, Rúa Cuba e Beiramar, pechando pediatría en López Mora, Nicolás Peña, Coia, e Pintor Colmeiro, mentres Vigo segue infradotada en atención de urxencias cun único PAC de Pizarro.
O rexedor lamenta que a Atención Primaria funcionará “peor” co novo centro Olimpia Valencia ante os peches anunciados.