O Concello conmemora o 8M cun pleno do Consello Municipal da Muller para reforzar o seu compromiso coa igualdade
As representantes institucionais e as asociacións que conforman o Consello Municipal da Muller participaron hoxe na sesión para analizar os retos pendentes en materia de igualdade, visibilizar o traballo do tecido asociativo e reforzar o compromiso municipal cos dereitos das mulleres no marco do Día Internacional das Mulleres.
Este pleno reuniu ás entidades que integran o Consello Municipal da Muller e a representantes institucionais. A benvida do acto correu a cargo do alcalde, que alertou sobre o “gravísimo ataque” da extrema dereita aos avances do feminismo e apelou a unha “rebelión permanente” para evitar o retroceso a épocas onde as mulleres carecían de dereitos básicos.
Carmela Silva, tenente de alcalde e concelleira delegada da Área de Igualdade, declarou a importancia de poñer a axenda das mulleres no centro e que o 8M no é un día de celebración se non de reivindicación. Carmela Silva reivindicou que "militemos onde militemos temos que defendernos entre todas porque todas as mulleres somos vítimas de decisións que non tomamos". Amais, amosou a súa solidariedade coa concelleira de Más Madrid no Ayuntamiento da capital polo acoso que padece desde hai un ano e que saíu a luz estes días. Finalmente concluíu dicindo que “Vigo é unha boa cidade porque sempre tivo un movemento feminista moi organizado e coas cousas moi claras”.
A concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias, remarcou a “importancia de seguir avanzando cara a una sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis democrática”. A edil respaldou a importancia do Consello Municipal da Muller, que o definiu como “un espazo de participación e de dialogo que reúne asociacións de mulleres da cidade e que permite trasladar as institucións as súas propostas, necesidades e reflexións”.
A este acto estiveron convidadas todas as asociacións e grupos que constitúen o Consello, pero só interviron sete delas. A primeira en comparecer foi Luz Iglesias Herrero, da asociación Viúvas Demócratas, sobre a situación económica das mulleres. Nesta intervención manifestou a loita das mulleres por “aumentar a nosa presencia nos extractos superiores da distribución de ingresos”, ademais da problemática que supón ser nai no mundo laboral, coa dismunición de ingresos tras o parto. Reivindicou a importancia da axuda pública na maternidade e de fomentar que as mulleres opten polo educación STEM.
No caso da Asociación Feminista As Furias, Carmen Campoy Costas falou da prostitución e a explotación sexual, afirmando que "é degradante e antidemocrático que esta institución non se teña abolido xa". Tamén reivindicou que as políticas públicas deben regular a pornografía e a prostitución.
Por outra banda, a Asociación Feminista Redeiras estableceu a importancia da corresponsabilidade da vida familiar, onde Estefanía Rodríguez Leiras declarou que “coidar penaliza maioritariamente ás mulleres” e “as nais españolas se atopan entre as máis afectadas de Europa por ansiedade, esgotamento mental e sensación de sobrecarga”. Redeiras demandou que as políticas públicas e a educación son clave para que a corresponsabilidade sexa “repartir o tempo, a responsabilidade e a carga mental”.
Na comparecencia de Ester Mariño Costales, da Secretaría da Muller da CIG, cualificou a brecha salarial como “a expresión máis clara da violencia económica que as mulleres acumulamos no mercado laboral” e demandou planes de igualdade e protocolo de acoso laboral efectivos.
A poñente Obdulia Veiga Román, da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos, alertou sobre a falta de recursos económicos e habitacionais para as vítimas de violencia de xénero e esclareceu que “a violencia machista non é un problema privado, é unha vulneración dos dereitos humanos e unha responsabilidade colectiva”.
A Escola de Mulleres Solidarias coa portavocía de Ángeles Arias Miño defendeu a coeducación e a equidade escolar como ferramenta imprescindible para erradicar os estereotipos de xénero e previr a violencia. Ángeles Arias declarou que “a educación en igualdade permite que os mozos e mozas medren libres de estereotipos e fomenta relacións baseadas no respecto”.
E na última intervención, Toñi Lorenzo Rodríguez, da Asociación de Mulleres Dorna, visualizou a “dobre carga” que sofren as mulleres con discapacidade e reclamou políticas que fomenten a súa autonomía persoal, emprego digno e dereitos sexuais. Toñi Lorenzo afirmou que “a discapacidade non debe ser vista como una limitación, ten que ser vista como parte da diversidade humana que debe ser recoñecida e valorada”.