Concello e Transportes avanzan no convenio para a humanización da AP9
A Xerencia de Urbanismo tomará coñecemento o vindeiro martes do protocolo de colaboración entre o Ministerio de Transportes e o Concello para a mellora, integración e humanización da AP9 en todo o espazo que recorre na cidade.
O alcalde explicou este venres que o obxectivo do proxecto é aumentar o grao de permeabilidade e integración da AP9, a través dunha humanización da contorna que sexa compatible coa seguridade viaria e o nivel de servizo da autoestrada. Con ese fin estudaranse medidas que de permeabilidade e integración urbana para que a autoestrada non supoña “unha ruptura da cidade”, creando zonas cubertas ao longo da vía “máis de 150 metros” e pasos peonís para cruzala.
A previsión é actuar en catro tramos da AP9, desde Teis ata Alfonso XIII: o tramo 1 desde o enlace de Teis ata o paso Superior de Trapa; o tramo 2 desde o paso Superior Trapa ata o enlace de Bos Aires; o tramo 3 desde Bos Aires ata o enlace de Isaac Peral e o tramo 4 desde Isaac Peral ata a rúa Alfonso XIII.
Abel Caballero informou de que o Concello realizará os estudos previos do tramo 4 na parte urbana da cidade e o Ministerio de Transportes liderará os estudos previos dos tramos 1, 2 e 3 en coordinación con Audasa. Así, o Concello asume o tramo máis urbano, entre Isaac Peral e Alfonso 13, para o que contratará unha asistencia técnica que permitirá expoñer solucións para que ese ámbito teña tratamento urbano. O goberno municipal e o Ministerio de Transportes constituirán grupos de traballo para o conxunto do trazado: “a coordinación está en marcha. Xa estudamos cos técnicos de Estradas do Estado os tramos da Gorxa, a Trapa e a zona de Coutadas”, onde se valora a cubrición duns 150 metros de autoestrada.
Así, apuntou o rexedor, “temos en marcha a entrada da cidade pola Avenida de Madrid” e proxectamos a “outra grande entrada na cidade” coa humanización da autoestrada.