Escoitar

O Goberno anuncia un plan de choque para axilizar a tramitación dos expedientes da Xerencia de Urbanismo

O concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Jose Manuel Figueroa, informou ós representantes dos distintos grupos políticos da convocatoria dunha reunión extraordinaria da Xerencia de Urbanismo o vindeiro luns, 22 de decembro, ás 11:30 horas, na que se tratará o calendario e a metodoloxía a seguir para a aprobación do PXOM e se abordará a posta en marcha dunha comisión de seguimento do plan, integrada polo Concello, a Xunta, Zona Franca, a Autoridade Portuaria e o Ministerio de Fomento. Así o anunciou a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, trala celebración do Consello da Xerencia de Urbanismo de hoxe.

xoves, 18 dec 2003
O Goberno anunciou tamén a posta en marcha de medidas urxentes para axiliza-la tramitación dos expedientes da Xerencia co obxectivo de que, nun prazo de 6 meses, os expedientes estén ó día e, a partires dese momento se poidan cumprir os prazos legais, é dicir, que as licencias se concedan nun prazo non superior ós tres meses.

Na reunión cos grupos informouse ademais de que, antes de que o presidente da Xerencia conceda as licencias, éste dará conta dos expedientes ós membros do Consello para que poidan facer suxerencias. Ata o de agora, o presidente da Xerencia aprobaba as licencias e, unha vez aprobadas, daba conta ó Consello. A medida pretende dar firmeza e transparencia ós acordos da Xerencia de Urbanismo.