Escoitar

Comeza a ancoraxe de pilotes para a cimentación profunda da bancada de Gol

O rexedor aproveitou para felicitar ao Celta polo 25 aniversario da obtención da Copa Intertoto, destacando que “é o único equipo de Galicia que conta cun título europeo nas súas vitrinas”

venres, 22 ago 2025

Abel Caballero explicou esta mañá os avances na construción da nova bancada de Gol, sinalando que “nestes momentos estamos no proceso de ancorar os pilotes da cimentación profunda”. Trátase de elementos de formigón de entre 6 e 12 metros de altura que se enterran no chan, instalaranse ata 300 no caso de Balaídos.

Nas últimas semanas estivemos a realizar a execución dos micropilotes, tamén explicou o alcalde, sinalando que son elementos máis pequenos, que se instalan na proximidade das estruturas existentes, neste caso na proximidade das bancadas de Río e Tribuna. Relatou que en previsión, “no mes de outubro estarán instalados pilotes e preparada a placa de formigón superior” e a partir de aí “iniciarase a fase de montaxe da estrutura coa colocación dos piares”, un proceso que durará 8 meses e será a fase máis longa e visual da construción da nova bancada.

En xuño de 2026, coincidindo co final da liga, veremos xa a bancada sen cuberta, e nese momento realizaranse en paralelo: particións de espazos; traballos de albanelería e carpintería; illamento e pavimentacións e instalación do saneamento. Posteriormente, ao longo do verán do ano que ven instalarase a malla que sosterá a cuberta. Caballero sinalou que a obra estará finalizada a finais do 2026 e a previsión é ter a bancada operativa en febreiro do 2027, sobre o que salientou que “imos tentar apurar o máximo posible para ver se somos capaces de anticipala”.

A nova bancada de Gol terá máis de 7.000 espectadores porque xa contará co incremento de aforo realizado en Marcador, polo que o estadio Municipal de Balaídos terá capacidade para 30.000 espectadores. Esta cifra é sen contar coa futura ampliación da Tribuna para o Mundial 2030, xa que “Vigo estará” e o estadio alcanzará os “preto de 43.000 espectadores brutos”.

Aniversario Copa Intertoto

Caballero quixo felicitar ao Celta e ao celtismo polo 25 aniversario da obtención da Copa Intertoto, que se obtivo superando ao ao Zenit de San Petesburgo. O rexedor recordou a efeméride de aquel “equipón” con xogadores como Pinto, Giovanella, Karpin, Mostovoi ou Benni McCarthy. Aproveitou para destacar que unicamente catro clubs en España poden presumir de conseguir este título (Vilarreal, Valencia, Málaga e Celta) e destacou que “é o único equipo de Galicia que conta cun título europeo nas súas vitrinas”.

Descargar todas as imaxes