Escoitar

Bombeiros de Vigo participaron na extinción dos incendios de Vilaboa e Oia

Abel Caballero informou da participación de 15 efectivos con 5 vehículos de extinción de incendios. “Unha vez controlado o incendio de Oia, un retén desprazouse ata Vilaboa unha vez pasada a medianoite para axudar ás tarefas de extinción”, explicou o alcalde sobre o dispositivo posto en marcha na tarde deste xoves.

venres, 22 ago 2025

Vilaboa e Oia súmanse aos lugares onde teñen traballado ao longo das últimas semanas os bombeiros de Vigo colaborando na extinción dos incendios forestais.

Caballero explicou o funcionamento do dispositivo no que interviñeron 15 efectivos con 5 vehículos de extinción de incendios. “O incendio de Oia estivo controlado a medianoite polo que os efectivos desprazáronse ata Vilaboa onde seguía activo”, explicou.

Os bombeiros de Vigo teñen actuado en Muxía, Salceda de Caselas, As Neves, dúas veces en Verín e Ribadavia, A Rúa, Vilardevós, Beade, Oímbra e agora tamén en Oia e Vilaboa, “trece actuacións onde Vigo estivo solidariamente presente”.

O alcalde asegura que Vigo ten un dispositivo preparado para actuar en caso de emerxencia, “asegurando sempre tamén a cobertura de Vigo”.

Descargar todas as imaxes