Escoitar

Vigo comeza a tramitación administrativa para implantar a taxa turística

A Xunta de Goberno aprobará a apertura do trámite de consulta pública para a elaboración e aprobación da ordenanza da tasa turística. Abel Caballero sinalou que os turistas pagarán unha "cantidade moi menor" en comparación ao que custan as estancias, “é o equivalente a tomar un café".

xoves, 21 ago 2025

O Concello de Vigo inicia a tramitación administrativa da taxa turística, coa aprobación en Xunta de Goberno da apertura do trámite de consulta pública para a elaboración e aprobación da “Ordenanza fiscal reguladora da recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estancias turísticas”. O proceso en Galicia esta regulado na Lei 5/2024, de medidas fiscais e administrativas que creou o imposto galego sobre as estancias turísticas na Comunidade Autónoma, na que se regula a potestade dos concellos de establecer unha recarga municipal, como ingreso propio.

O alcalde explicou que o proceso debe iniciarse cunha consulta pública, que permanecerá activa durante 20 días hábiles na páxina web municipal para solicitar opinións acerca de:

  • a) os problemas que se pretende solucionar coa iniciativa
  • b) a necesidade e oportunidade da súa aprobación
  • c) os obxectivos da norma
  • d) as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias

Posteriormente, “analizaremos as suxestións da cidadanía e aprobaremos a ordenanza que regulará a taxa turística”, que como detallou Caballero, está acotada por unha lei autonómica, que establece unha marxe de entre 1 e 2,5 euros por persoa/noite, cun máximo de cinco noites, dependendo do tipo de establecemento. A aplicación desta taxa, así como o tipo exacto dentro dese rango, dependerá de cada municipio.

Abel Caballero fixo fincapé en que "a taxa turística non a pagan os hoteis e os establecementos, senón os visitantes" e sinalou que os turistas pagarán unha "cantidade moi menor" en comparación ao que custan as estancias. Ademais, o alcalde engadiu que “é o equivalente a tomar un café". "A cidade ten a necesidade de gastar na atención ao turismo", xa que conta cun fluxo turístico que xa é moi elevado durante todo o ano.

Descargar todas as imaxes