Escoitar

Caballero garante a seguridade no inicio no CEP Celso Emiio Ferreiro cunha nova cuberta

Abel Caballero asistiu este mércores ao avance das obras de substitución da cuberta do Colexio Celso Emilio Ferreiro ás que o Concello destinou 577.382 euros. Anunciou que o novo tellado estará listo na primeira semana de setembro, antes do inicio do curso escolar. “Esta é unha obra que tiña que facer a Xunta de Galicia porque é unha reforma estrutural importantísima que ameazaba a seguridade dos escolares”, recalcou o rexedor.

mércores, 20 ago 2025

O rexedor explicou que a intervención do Concello garante á comunidade escolar do Colexio Celso Emilio Ferreiro iniciar o novo curso escolar, o día 8 de setembro, sen a ameaza e o perigo que representaba o tellado que agora está nas últimas fases do proceso de substitución. “Ameazaba a seguridade dos nenas e as nenos e a Xunta non se molestou nin en inspeccionalo” a pesar de que “puido afectar á seguridade porque é unha situación moi grave”, recalcou.

Caballero detallou que a administración municipal retirou a parede que se atopaba nunha situación feble e con ameaza de derrube nunha parte do teito, ademais de eliminar o fibrocemento con amianto e instalar unha nova cuberta. “Non toleramos ningún risco, acometemos as obras e pagámolas desde o Concello. A Xunta tería que facela desde hai moito tempo e desprezaron a seguridade dos nenos e nenas do Colexio Celso Emilio Ferreiro durante anos”, afirmou.

"Anos de desatención da Xunta"

O proceso que desembocou na decisión do goberno municipal de Vigo de asumir as obras de construción do novo tellado arrincou en 2021 co envío dun informe da Concellería de Educación á Xunta coa petición do centro para valorar e informar sobre a filtración da auga, unha acción que concluíu co diagnóstico da necesidade de substituír a cuberta por tratarse dun “problema global de estrutura”. A partir de aí, nos meses de maio e setembro de 2021; decembro de 2022; outubro de 2023; febreiro, setembro e novembro de 2024 e febreiro de 2025, a dirección do colexio enviou diferentes escritos informando sobre a grave situación da estrutura e a necesidade de abordar as obras “e a Xunta de Galicia desprezou olímpicamente a seguridade dos escolares, a petición e os informes do centro”, indicou o alcalde. “Anos de desatención”, incidiu.

Caballero recalcou que o Concello asumiu a obra ante a inacción da Xunta “porque non ía tolerar que o curso se iniciase co tellado en condicións de risco para nenas e nenos de todo Coia”. “O curso empezará no Celso Emilio Ferreiro coa seguridade total levada adiante polo Concello de Vigo, sen ser  a nosa competencia e nin a nosa responsabilidade”, recalcou o rexedor ao sinalar que os preto de 600.000 euros da obra están “moi ben gastados”.

 

Descargar todas as imaxes