Caballero: “Se sucede algún incendio temos a mellor preparación posible para facerlle fronte”
Abel Caballero visitou o operativo da Policía Local despregado no Monte Cepudo con 3 drons que permiten vixiar os montes de Vigo a quilómetros de distancia. O retén de bombeiros da cidade que saíu onte traballou no incendio forestal de Ribadavia. Esta mesma tarde saíu outro retén cara á mesma localidade.

Abel Caballero visitou os traballos de vixilancia que está a desenvolver nas últimas semanas a Policía Local desde dous puntos da cidade a través de drons. O alcalde, acompañado da tenente Alcalde, Carmela Silva, e a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, informou de que este dispositivo funciona “de forma continua, coa utilización de tres dons que permiten vixiar calquera cuestión a quilómetros de distancia”. Desde o Monte Cepudo, o rexedor comprobou a efectividade desta tecnoloxía para a prevención de incendios xa que permite actuar coa maior premura posible en caso de detectar un conato de incendio.
Amais, Caballero lembrou que os axentes prestan especial atención ao monte facendo distintas rutas. “Imos manter o operativo toda a temporada de risco de incendios”, confirmou.
O alcalde tamén puxo de manifesto o labor municipal para a atención dos montes de Vigo durante todo o ano, así como a subvención de 140.000 euros para a contratación de 15 traballadores ou o mantemento dos 12 parques forestais da cidade aos que o goberno local dedica case 300.000 euros.
“Estamos moi atentos e vixilantes, e se algo sucede teremos a mellor preparación posible para facerlle fronte”, declarou o rexedor.
Caballero louvou a acción dos bombeiros de Vigo que están traballando fóra da cidade axudando nas tarefas de extinción de incendios nas zonas afectadas. O retén de onte estivo destinado en Ribadavia, vila cara a que saíu esta mañá un novo retén, con 5 efectivos.