Escoitar

O Concello mantén a vixilancia e envía un novo retén á loita contra os incendios

O comité asesor do Plan de Emerxencia Municipal, dirixido polo alcalde, reuniuse por segunda vez para dar conta do dispositivo de vixilancia e acción da Policía Local e os bombeiros de Vigo durante a fin de semana. O goberno local xa ten preparado un pavillón por se houbera que atender á cidadanía no caso de producirse un incendio. No mediodía deste luns sae un novo retén con 5 efectivos de bombeiros de cara á zona afectada polos lumes.

luns, 18 ago 2025

Vigo sigue en vixilancia máxima. O alcalde compareceu logo da segunda xuntanza do comité asesor do Plan de Emerxencia Municipal e fixo balance do operativo para a prevención de incendios forestais na cidade. Durante a fin de semana a Policía Local mantivo una vixilancia activa con máis de 75 rutas por toda a cidade. Segundo informou Abel Caballero, sin rexistrar ningunha incidencia significativa, soamente a identificación dalgúns vehículos estacionados en parques forestais. Tamén lembrou o pequeno conato de incendio rexistrado na madrugada do sábado xa extinguido. “A chave é detectalo pronto”, explicou. Así, Vigo ten dous puntos permanentes de observación, o Monte Alba e o Monte dos Pozos. “Os drons son capaces de cubrir practicamente todo Vigo”.

“Manteremos a vixilancia e a atención ata que comece a temporada de choivas. Cómpre ter en conta que o incendio máis importante de Vigo ocorreu en outubro do ano 2017”.

Como medida de prevención o Concello xa ten preparado un pavillón con 50 camas por se houbera que desaloxar á cidadanía en caso de producirse un incendio na cidade.

Un novo retén camiño a extinguir os incendios

O alcalde informou que no mediodía deste luns sairá cara aos lugares afectados polos lumes un novo retén con cinco bombeiros nun vehículo forestal pesado, con bomba de auga de 4,5 toneladas. Caballero garante a colaboración y solidariedade de Vigo co resto das zonas afectadas á vez que asegura que Vigo está atendida. “Falei con bombeiros que estiveron alí e din que é tremendo e que ten moita importancia. Un traballo moi duro que fan que estean cansados polo que rotamos aos efectivos desprazados”.

Vigo xa participou na loita contra os incendios como hai dúas semanas cando estiveron colaborando na extinción dos lumes en Muxía, na Costa da Morte, e en Salceda de Caselas, ou a semana pasada cando interviñeron en Verín, Vilardevós, no Concello de Oímbra e tamén noutras vilas da provincia de Ourense

Medios dispoñibles

O Concello conta con 108 bombeiros do servizo de prevención, extinción de incendios e salvamento dos que 56 efectivos están dispoñibles de forma inmediata e, no caso de que fose necesario, podería incorporarse o persoal de descanso. O Corpo de Bombeiros conta con 9 vehículos con grupo de bomba, 4 vehículos de rescate salvamento en altura, 1 vehículo de apeos, un Vehículo furgón de salvamentos varios con guindastre, 1 vehículo furgón acuático e un grupo electróxeno e motobomba.

En canto á Policía Local, Caballero explicou que conta con 333 efectivos, 99 en cada quenda e capacidade inmediata de incorporar máis efectivos.

Adicionalmente, a empresa FCC proporciona grandes cisternas de auga para reforzar o servizo de bombeiros se fose preciso. A empresa concesionaria de parques e xardíns conta con 110 traballadores para atender os parques forestais e os espazos verdes urbanos: A Guía, A Madroa, Beade, Bembrive, Cepudo Valladares, Coruxo, Pozos Valladares, Saiáns, San Andrés de Comesaña, San Miguel de Oia, Vixiador, Candeán, Zamáns. Amais, Vitrasa está involucrada nesta cuestión para o que sexa necesario, como nos incendios de 2017 que permitiu desaloxar, por exemplo, a residencia de estudantes da universidade.

Descargar todas as imaxes