O Concello inicia a reforma dos vestiarios en nove campos de fútbol de Vigo
Abel Caballero explicou que se substituirán por vestiarios “modernos”, que se realizarán mediante “un sistema modular que nos permitirá construílos a moita velocidade”.

O goberno da cidade contratou a redacción dos proxectos das primeiras nove instalacións, que suman un montante total de 113.484 euros e contan cun prazo de 4 meses. Os nove campos contratados son:
- Monte da Mina (Castrelos): 18.137 euros
- San Andrés de Comesaña: 13.915 euros
- Carballal (Cabral): 12.100 euros
- A Guía: 12.039 euros
- As Relfas (Sárdoma): 11.974 euros
- Candeán: 11.495 euros
- A Bouza (Coia): 11.434 euros
- Meixoeiro: 11.374 euros
- Santa Mariña (Cabral): 11.011 euros
O alcalde iniciou a súa intervención deixando claro que “imos renovar, reformar e refacer os vestiarios de todos os campos de fútbol municipais”, e aclarando que os proxectos contemplarán a construción das seguintes dotacións: vestiarios de xogadores; aseos e vestiarios de árbitros; zona de club; oficina e cantina; lavandería e almacén; marquesiña e bancadas, nos casos necesarios.
“Coas reformas mellorarán moito as condicións de uso para os clubs e deportistas”, destacou Caballero, sinalando que “imos financialo coa ampliación de presuposto de 72 millóns de euros, que non apoiaron BNG e PP”. A ampliación dedica a deportes 14.942.000 euros, dos cales 8.487.000 euros están destinados á reforma dos campos de fútbol.