Caballero felicita aos bombeiros que acudiron a extinguir os incendios de Galicia
O alcalde visitou o dispositivo de emerxencias do Corpo de Bombeiros de Vigo no parque de Teis preparado para atender calquera indicio de lume na cidade. Abel Caballero coñeceu aos efectivos desprazados a outros puntos de Galicia para colaborar na extinción dos incendios.

O alcalde coñeceu o dispositivo de bombeiros fronte os incendios forestais. Caballero desprazouse xunto á concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, e a concelleira de Atención á Cidadanía, Patricia Iglesias, ao parque de Bombeiros de Teis para louvar a acción que está a desenvolver o Corpo de Bombeiros de Vigo, colaborando coa extinción dos incendios forestais que asolan Galicia, principalmente na provincia de Ourense.
Así, ao longo destes días, Vigo enviou un retén con cinco efectivos e un camión con capacidade para 4,5 toneladas de auga a vilas afectadas polos lumes como A Rúa, Ribadavia, Verín, Salceda de Caselas, As Neves ou ata a Costa da Morte. Caballero felicitounos polo seu traballo e solidariedade con Galicia nesta situación. Tamén confirmou que Vigo sigue a disposición da Xunta se precisa os efectivos de Vigo como ata agora. Caballero amosou o seu orgullo porque Vigo estivera na axuda contra os incendios forestais.
No parque observou o funcionamento dos distintos medios mecánicos que utilizan os bombeiros en caso incendio, particularmente a motobomba 4x4 coas que os bombeiros están a realizar tarefas de extinción en incendios forestais: “É unha máquina que ademais protexe aos bombeiros, cun máximo de seguridade a pesar de que sempre esta é unha profesión de risco”.
O alcalde puxo de manifesto os investimentos do goberno local nos parques de bombeiros de Vigo, un novo e outro totalmente remodelado, e na dotación humana, “con máis bombeiros que nunca en Vigo, con ata 140 antes de que remate o ano unha vez finalicen as OPE e cunha ampliación na RPT do Concello para dar cabida a 10 efectivos máis”.


