O Concello dedica máis de 500.000 euros anuais ao movemento veciñal
O Goberno Municipal de Vigo aprobou as bases da convocatoria das subvencións destinadas a apoiar os actos sociais e eventos organizados polo movemento asociativo para fomentar a participación cidadá. Dotadas con 60.000 euros, estas axudas súmanse ao conxunto de apoios do Concello ao movemento asociativo da cidade.

Abel Caballero apuntou este luns que o Concello de Vigo apoia as organizacións veciñais da cidade “que teñen unha indubidable fortaleza”, tanto con axudas de 500.000 euros anuais como coa cesión gratuíta dos locais das asociacións e cunha liña de 60.000 euros para que organicen actos sociais, deportivos e encontros veciñais. “Unha axuda inconmensurable para as asociacións de veciños”, recalcou o rexedor.
Apoio á asociación “Agarimo”
O Goberno Municipal contribúe ás actividades organizadas pola Asociación Amas de Casa e Consumo “Agarimo” coa asignación de 18.800 euros, segundo consta no convenio aprobado entre a institución municipal e a organziación social. “Unha asociación magnífica que desenvolve multitude de actividades, porque durante todo o ano realiza unha notable actividade en toda a cidade”, recalcou Abel Caballero.
Subvencións a clubs deportivos
O Goberno Municipal aprobou as subvencións, por importe de 50.000 euros, destinadas a apoiar as competicións e eventos organizados por clubs deportivos da cidade. Entre os receptores da axuda municipal atópanse o “Vigo Tenis Open”, o “Torneo Internacional de Tenis Feminino”, a “Semana do Atlántico de Vela” e o “Tríatlon desafío Illas Cíes”.
O rexedor lembrou que o Goberno de Vigo destina todos os anos “moitos millóns de euros” a subvencións das organizacións deportivas coa finalidade de apoialos na organización de eventos.