Escoitar

A Corporación Municipal aproba a ampliación do orzamento en 72 millóns de euros

O Pleno de Vigo aprobou este luns, con 18 votos a favor do grupo socialista, 4 abstencións do PP e 3 negativas dos edís do BNG, a modificación do orzamento en 72 millóns de euros con cargo aos remanentes municipais. A ampliación irá destinada a políticas de vivenda, obras en colexios, melloras en instalacións deportivas e humanizacións, entre outros proxectos.

luns, 11 ago 2025

O Goberno Municipal de Vigo destinará a ampliación do orzamento municipal aprobada hoxe a investimentos “para transformar toda a cidade”, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, tras poñer en valor a solvencia financeira do Concello. “Somos o único concello de Galicia con solvencia e capacidade para achegar recursos adicionais e extraordinarios para satisfacer e financiar as necesidades da cidadanía de Vigo”, afirmou Aneiros. “É a mostra da vocación do alcalde e do Goberno Municipal para transformar e mellorar constantemente as condicións de vida de toda a cidade de Vigo”, recalcou o edil.

Entre os investimentos incluídos nos 72 millóns da ampliación orzamentaria atópanse os 8 millóns a políticas municipais de vivenda, coa creación dunha empresa pública de vivenda, axudas para o alugueiro co programa “Vigo Aluga” e para a compra de pisos. A estes suma 3,9 millóns para colexios; 15 millóns para infraestruturas deportivas; 26,5 millóns para obras de humanización en 350 rúas de Vigo e outros 10 para renovación de firmes en toda a cidade. Ademais, a incorporación de remantentes destinarase á mellora de distintas instalacións municipais como o edificio do Concello, a Casa da Xuventude; os baixos do Auditorio Mar de Vigo ou o mercado de Teis, entre outras.

Transformación desde 2007

O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, afirmou que a ampliación orzamentaria é o reflexo da forma de gobernar de Abel Caballero “para toda a cidade, identificando as prioridades que a cidadanía lle traslada día a día na rúa, escoitando, porque esa é a auténtica política participativa”.

López Font destacou a transformación rexistrada en Vigo desde 2007. Debullou as actuacións realizadas nos 18 anos de gobernos municipais presididos por Abel Caballero lembrando as obras de humanización en 1.250 rúas; a transformación da Porta do Sol; a construción do HALO e do aparcamento gratuíto no Hospital Álvaro Cunqueiro; a renovación do estadio de Balaídos; a creación de 9 escolas infantís ademais das obras de mellora en numerosos colexios e as 1.000 becas de inglés anuais; a dotación de novos parques para todas as idades; a aplicación da mellor política social de España ou a transformación da cidade en referente turístico internacional.

Descargar todas as imaxes