O Concello de Vigo establece medidas preventivas ante unha posible alerta por seca
O rexedor explicou que “a baixa pluviosidade dos últimos días significou unha caída e diminución das reservas hidráulicas nos encoros de Vigo”, aínda que aclarou que “non hai un risco de desabastecemento neste intre”, pero si que se tomarán medidas para optimizar os recursos dispoñibles.

Abel Caballero avanzou esta mañá unha serie de medidas preventivas ante unha posible alerta por seca, tratando de concienciar a veciñanza para tratar de reducir riscos. Sinalou que “a baixa pluviosidade dos últimos días significou unha caída e diminución das reservas hidráulicas nos encoros de Vigo”, aínda que aclarou que “non hai un risco de desabastecemento neste intre”.
Explicou que o encoro de Eiras ten nestes momentos un volume do 79,05% de enchido, fronte ao 90,04 % do pasado ano, mentres que o de Zamáns presenta un volume do 78,31% fronte ao 83,55% do pasado ano. O alcalde sinalou que o Concello de Vigo redactou un novo Plan de emerxencia e xestión do risco de seca no ano 2024, conforme á nova normativa e adaptado ás condicións do escenario actual, marcado polo cambio climático, pero que aínda non está en aplicación porque “a Xunta de Galicia non nolo aprobou”. Con respecto ao Plan de emerxencia en vigor, aprobado en 2011, estes volumes non supoñen aínda a necesidade de activar o estado de alerta.
De acordo ao novo Plan, o encoro de Eiras atoparíase en situación de prealerta, e o de Zamáns en situación de normalidade. Á vista do anterior, e tendo en conta que o encoro de Eiras é a principal fonte de captación do sistema de abastecemento de Vigo e a súa área, aconséllase a adopción de medidas equivalentes ao estado de prealerta no sistema de abastecemento de Vigo. Por iso se establecen unha serie de medidas de usos non prioritarios:
- Prohibición de baldeos.
- Redución de regos.
- Peche de fontes e instalacións ornamentais que non dispoñan de circuíto pechado
- Peche de duchas de praia
- Prohibición de lavado de coches fóra dos establecementos autorizados.
- Prohibición de enchido de piscinas.
Abel Caballero tamén fixo extensivas as medidas aos Concellos que se abastecen dos embalses de Vigo: Soutomaior, Redondela, Porriño, Mos, Cangas, Moaña, Gondomar e Nigrán apuntando que “aproximadamente o 40% das demandas do sistema de corresponden a estes concellos da área”,