Vigo inicia a redacción do proxecto do Indoor Park de Navia
O rexedor destacou que “constará de dous espazos diferenciados”, street e park. Hoxe arranca a edición número 25 de O Marisquiño.

A Xunta de Goberno Local aprobará a contratación da redacción do proxecto de execución das obras do Indoor Park Navia, cun presuposto de 89.849,76 euros. Como indicou Abel Caballero “o obxectivo é a creación dun espazo cuberto destinado á práctica de deportes urbanos”, que incluirá pistas deportivas que poidan ser utilizadas por modalidades como: Skate, BMX, Scooter e Roller, entre outros.
O conxunto componse de dous espazos diferenciados: unha zona de rúa (street), con elementos máis baixos, con distintos obstáculos simulando unha rúa, en diferentes alturas, practicables para todas as disciplinas e a outra zona de costa (park), que dispoñerá de ramplas e quarters que van desde 1,6 a 4 metros de altura. Ademáis, contará cunha zona segura, foam pit (piscina de escumas) e resi (salto con recepción branda).
A instalación contará cun edificio anexo ao bloque de vestiarios, aseos, oficinas, almacén, cantina, así como unha zona destinada aos espectadores. Situarase entre as rúas Teixugueiras e Ufas e incluirá ademais a dotación de equipamentos exteriores complementarios e a urbanización xeral das parcelas, acondicionándoas como un espazo aberto para uso público (senda peonil e carril bici, zonas verdes e espazos de recreo).
O Marisquiño
Abel Caballero tamén recordou esta mañá que hoxe comeza O Marisquiño en Samil. O evento que cumpre este ano o seu 25 aniversario celebrarase do 7 ao 10 de agosto e conta cunha achega municipal de 1.342.000 euros. Nesta primeira xornada comezan os talleres infantís, os adestramentos e a sección musical, na tarde noite de hoxe. O rexedor destacou a alta afluencia dos trens que chegan á cidade e recomendou o uso do bus urbano, que contará con reforzos para conectar co evento.