Escoitar

Os bombeiros de Vigo colaboran na extinción do lume en Salceda de Caselas

O alcalde informou este xoves da participación de catro efectivos cun vehículo autobomba nas tarefas de sufocación do incendio en Salceda, logo de colaboraren o martes nos lumes da Costa da Morte.

xoves, 7 ago 2025

“Vigo sempre que poida será solidaria”, apuntou Caballero, ao dar conta da cooperación dos bombeiros da cidade a pasada noite na extinción do lume en Salceda de Caselas tras ser requiridos polo 112, que acusaba falta de medios para atender a expansión dos incendios na zona de Arbo, Salvaterra e as Neves. Tal e como explicou, os bombeiros saíron do parque ás 20:30 horas e remataron o traballo en Salceda sobre as 2:10 da madrugada, unha vez que o incendio quedou extinguido.

O Concello desprazou un vehículo autobomba 4X4 con capacidade de actuación forestal con 4 efectivos: 1 mando, 1 condutor e 2 bombeiros. Lembrou o rexedor que este martes os bombeiros cooperaron tamén na extinción do incendio en Muxía trasladando 5 efectivos e un vehículo autobomba 4X4.

Ryanair

A Xunta de Goberno Local dará luz verde á imposición de penalidades á compañía aérea Ryanair DAC por incumprir o contrato de promoción turística do destino Vigo 2023-2025 por un importe de 50.000 euros.

O alcalde explicou que a aeroliña non respectou o contrato que tiña coa cidade e que a sanción se suma ao expediente resolto no mes de xaneiro por un importe superior a 17.000 euros ao eliminar Ryanair unilateralmente oito voos a Londres en xullo e setembro de 2024. en total, as sancións superan os 67.000 euros.

 

Descargar todas as imaxes