Escoitar

Abel Caballero: “Balaídos ampliará o seu aforo en 1.800 espectadores de forma inmediata”

O rexedor explicou esta mañá que a Xunta de Goberno aprobou as melloras que permitirán o aumento do aforo do coliseo vigués. Unha vez oficializada a renuncia de Málaga “somos cidade sede” do Mundial 2030.

venres, 1 ago 2025

O Real Club Celta de Vigo voltará a competicións europeas, xogando a Europa League esta tempada. Este feito, como sinalou Caballero, conta cunhas novas esixencias para os estadios por parte de UEFA, como o acceso ao estadio dos afeccionados visitantes que obrigan a crear unha nova porta de acceso, polo que se dividirá a porta e os espazos da actual número 19, creando unha nova porta 20 que dará acceso ao espazo de Río Alto, onde se situarán os equipos que nos visiten.

En Río Baixo aumentará nuns 600 asentos co incremento de 3 ringleiras cara ao céspede na parte baixa da bancada e en Marcador Centenario Alto incrementarase en preto de 500 asentos, colocando 4 ringleiras máis na parte alta da bancada. Instalarase unha nova estrutura na unión entre Río Baixo e Marcador “que albergará uns 100 asentos”, explicou o rexedor, engadindo que na zona da vella grada de Gol instalaremos unha bancada temporal que contará con máis de 500 asentos.

Caballero explicou que “Balaídos ampliará o seu aforo, de forma inmediata, en 1.800 espectadores”, polo que “mentres dure a obra de Gol o aforo do estadio será de 22.800 espectadores”. A nova bancada de Gol terá un aforo superior aos 7.000 espectadores porque xa contará “co incremento que se realiza en Marcador” e elevará o aforo do estadio Municipal de Balaídos por enriba dos 30.000 espectadores.

Mundial 2030

O rexedor explicou que este incremento de espectadores forma parte da adaptación necesaria para acoller o Mundial 2030, do que “somos cidade sede”. Unha vez se oficializou a renuncia de Málaga, “automaticamente entramos no seu lugar”.

 

Descargar todas as imaxes