Vigo inicia a elaboración da ordenanza municipal de vivenda turística
O alcalde informou este venres do inicio da elaboración da ordenanza de vivenda turística coa que o goberno municipal busca “garantir a convivencia entre os usos residencial e turístico das vivendas”.

Abel Caballero avanzou hoxe o inicio da consulta pública, que se manterá aberta durante 20 días para que a cidadanía presente as súas propostas. Tamén se trasladará aos colexios profesionais implicados, como o de arquitectos, e á Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia para que expoñan as súas formulacións.
O rexedor recalcou que as vivendas turísticas son unha actividade terciaria, similar á hostaleira, pero non residencial. “Isto é unha ordenación distinta, dunha forma estable, porque é precisa a convivencia harmónica entre os usos residencial e turístico”, incidiu.
A consulta pública abrirase na dirección https://consulta.vigo.org