O Goberno investirá 15 millóns na Universidade de Vigo para desenvolver a investigación en chips fotónicos
A decisión trasladouna hoxe en Vigo o ministro para a Transformación Dixital, Óscar López, que mantivo un encontro de traballo co alcalde, e con quen visitou a parcela do PTL de Valadares onde se construirá a planta de SPARC. Posteriormente mantiveron unha reunión cos directivos da fábrica de produción de semiconductores fotónicos. O Ministro asegurou que “Vigo será capital mundial do deseño e a produción dos chips e semiconductores”.

O ministro para a Transformación Dixital e Función Pública explicou este xoves, na sede do Consorcio de Zona Franca, que dos 15 millóns que o Goberno destinará á Universidade de Vigo, 7,5 serán directamente investidos polo Goberno e outros 7,5 procederán de Fondos Europeos. “Quince millóns de euros para que a Universidade de Vigo siga investigando e desenvolvendo formación en materia fotónica”, recalcou o ministro ao afirmar que “Vigo contará con SPARC e co reforzo e apoio á Universidade de Vigo, para seguir crecendo na fabricación de chips e semiconductores”.
Óscar López indicou que Vigo "será un líder mundial na produción de chips e semiconductores. Falamos de que Vigo se posicione nunha das industrias con máis futuro, con máis necesidade, na que se vai a disparar a demanda de produción e proxectos como o de SPARC son estratéxicos, de país".
Este investimento súmase aos 17,2 millóns de euros para SPARC, que forma parte do PERTE Chip, previsto polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O Goberno xa concedera 3 millóns de euros do Perte Chip ao proxecto vigués. Ademais, a Cátedra Chip da Universidade de Vigo recibiu unha subvención de 4,7 millóns de euros. En total 39,9 millóns de euros
"Fito de importancia capital"
Abel Caballero, tras manter un encontro co Ministro na Alcaldía, visitou xunto a Óscar López o solar onde se construirá a planta de SPARC, acompañados polo delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, o delegado do Goberno en Galicia, así como polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, e a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride. Alí cualificou o proxecto como “fito de importancia capital no desenvolvemento do país”. “É unha fábrica de microchips de fotóns con tecnoloxías de vangarda, co máximo interese, cun mercado excepcional, que xa é unha realidade” e que conta co apoio “determinante” do Goberno de España.
Caballero, tras lembrar as xestións realizadas pola administración local e Zona Franca, puxo en valor o “apoio” do Goberno de España ao proxecto de Vigo. “Iso fixo posible que SPARC sexa hoxe unha realidade”, recalcou. O rexedor finalmente trasladou o “agradecemento” polo apoio do executivo central.

