O alcalde insta á Xunta a desbloquear, despois de máis de tres anos, o túnel de Elduayen
O alcalde lamentou a descoordinación da Xunta de Galicia e pide ao goberno autonómico que dea luz verde ao informe de Medioambiente para poder comezar coa obra de prolongación do túnel de Elduayen: “A petición a este organismo fixémola hai tempo. É a petición para todo o relativo ao Olivo, santo e seña desta cidade”.

O goberno local segue á espera do informe de Medioambiente para comezar a obra de prolongación do túnel de Elduayen. Caballero instou á Xunta a desbloquear, logo de máis de tres anos, ese trámite e que dea luz verde a completar este viario subterráneo.
O alcalde lamentou a “descoordinación” do goberno autonómico tralas palabras da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, “que veu a Vigo a dicir que o Concello xa tiña o visto bo da Xunta, e é falso. Se quixeramos comezar coa obra non poderiamos pola falta do informe de Medioambiente”, explicou.
Caballero lamentou a parálise e apuntou que a día de hoxe non se ten recibido ningún euro para a execución da obra, para a que o goberno local pide á Xunta a mesma porcentaxe de financiamento que no túnel do Parrote na Coruña.