A Xunta de Goberno aproba definitivamente o proxecto das obras de urbanización do PERI II-03 Castro Castriño
A Xunta de Goberno aprobou definitivamente este venres o proxecto das obras de urbanización no PERI II-03 Castro Castriño, en Tomás Alonso, que contará cun investimento de preto de 250.000 euros, segundo explicou o alcalde. “Algo que leva parado desde os anos 90 está neste momento coa obra que vai facer o Concello para a súa posta en marcha”, remarcou.

Abel Caballero explicou hoxe que co acordo da Xunta de Goberno o Concello completará a urbanización do PERI II-03 Castro Castriño, que foi aprobado en 1993. “Imos executar de forma subsidiaria as intervencións da urbanización pendentes que son necesarias para a recepción total das obras”, apuntou o alcalde ao destacar que non foi presentada ningunha alegación ao proxecto municipal durante a fase de exposición ao público.
As obras inclúen a finalización do acceso rodado e a unión peonil de Tomás Alonso co parque de Castro Castriño a través dun carreiro municipal.
Caballero explicou que o viario se executará en fondo de saco, con orixe na rúa Benedicto Conde, que dá acceso e dota de servizos ás parcelas edificables. A estas melloras sumarase a instalación de mobiliario urbano e da nova iluminación. O rexedor garantiu a protección arqueolóxica durante toda a intervención.