O Concello prorroga forzosamente o servizo de transporte ata que se formalice un novo contrato
O goberno local aprobou unha prórroga forzosa do servizo municipal de transporte que estará en vigor ata que se adxudique un novo contrato, que xa está en proceso de licitación. Trátase dun servizo público que non pode deixar de prestarse, tal e como explicou Caballero.

A Xunta de Goberno deu luz verde á prórroga forzosa da concesión do servizo público de transporte urbano colectivo de viaxeiros a partir do 8 de xuño, o día seguinte á finalización da prórroga actualmente en curso. Tal e como explicou, esta continuidade establecese polo tempo imprescindible para a formalización e inicio do novo contrato, xa en proceso de licitación e, en ningún caso, poderá exceder dos dous anos.
Caballero aclarou que o Concello esixiralle ao contratista que continúe prestando o servizo nos mesmos termos e condicións que o contrato actual. A empresa recibirá a retribución prevista no acordo vixente, adaptándose ás circunstancias que puideran concorrer neste período.
Durante o tempo de vixencia da prórroga, o servizo municipal de transportes levará a cabo un control específico mensual dos custos reais e dos avances de procedemento da nova licitación. Trátase, engadiu o rexedor, dun servizo público que non pode deixar de prestarse.