Escoitar

Caballero anuncia que o PXOM deseña unha nova rede viaria con 189,5 millóns de euros de inversións

Abel Caballero destacou este xoves que o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o luns 26 de maio, conta con 189,5 millóns de inversións e deseña unhas novas redes viarias para facilitar “de forma importantísima" o tráfico en Vigo.

xoves, 29 mai 2025

O rexedor detallou que o novo plan de urbanismo proxecta un novo acceso a Ríos; a permeabilidade do segundo cinto en Navia; permeabilización de Arquitecto Palacios para baixar ata o Lagares; mellora de Arquitecto Palacios nos dous extremos da vía; transformación dos accesos a Meixoeiro; humanización da Avenida de Madrid. Ademais, actúase na Praza de España coa implantación dun rotor para que quede semipeatonalizada e permita a circulación no primeiro anel, explicou Caballero.

Entre as propostas do novo plan tamén se atopa unha nova vía entre A Balsa e Clara Campoamor e a A55 desde o seu inicio, “por tanto unha opción que vai conectar a A55 e a A52 - a autovía en túnel a Porriño-, e a VG20 ao hospital Álvaro Cunqueiro, o Parque Tecnolóxico e Loxístico, o polígono industrial de Balaídos e coa Universidade”. “Unha mellora importantísima dos viais de circulación. Evitaremos os lugares da conxestión, sacaremos tráfico de sitios onde agora ha dificultades de circulación e xeneralizaremos a rede viaria”, recalcou o alcalde.

Caballero apuntou que o PXOM contempla un investimento de 189,5 millóns de euros nas infraestructuras viarias da cidade, en contraste coa Xunta que achega recursos en Ferrol, Ourense, Lugo e Pontenvedra, e nada en Vigo. “A Xunta, Rueda e o PP dixeron que non achegarían nin un só céntimo ás infraestruturas viarias de Vigo porque a comunidade autónoma está obrigada a financiar as que son da súa competencia. Negáronse en redondo. Pois se van a facer igual”, afirmou Caballero.

 

 

Descargar todas as imaxes