Caballero inaugura o "III Foro Galicia Sostibilidade de Productos del Mar" coa participación de 350 expertos
Abel Caballero apelou hoxe a dar unha batalla “feroz” contra a ameaza do crecente negacionismo “porque o planeta corre perigo”. Así o dixo ante os 350 expertos nacionais e internacionais que participan no “III Foro Galicia Sostibilidade Global de Produtos do Mar”, organizado pola Fundación Nova Pescanova,

O alcalde felicitou este mércores aos organizadores do III Foro Nova Pescanova, centrado na medición da sostibilidade, por organizar en Vigo un encontro desde “o consenso global”, porque “a sostibilidade é unha expresión técnica de falar do que importa: da continuidade de procesos de crecemento e de mellora de vida global dos habitantes do planeta”. Ante profesionais de 30 países, Caballero insistiu na transcendencia de “aparcar o populismo que tenta facer ataques á actividade pesqueira que se ten que encargar de alimentar o planeta, porque ese populismo antipesca é un adversario da forma de entender o mundo”. Recalcou que "A transición ecolóxica debe facerse desde o respecto ao mar e á vida”.
O rexedor chamou a “dar respostas” e combater a corrente negacionista desde a ciencia, o control da actividade para evitar abusos, e das empresas. Destacou que "Vigo representa unha forma extraordinariamente respectuosa da pesca e da acuicultura".
Caballero dirixiuse aos expertos internacionais para recalcar a importancia de escoitar as mensaxes e opinións que emiten en foros como o de Vigo e o seu reflexo na política. “Na política temos que unir os esforzos de todo o mundo. Cando facemos Conxemar, aquí, trazamos a pesca no presente e no futuro e lanzamos a mellor mensaxe: países unidos, paz, cooperación, e benestar. Esa é a mensaxe, e a medición da sostibilidade, que transcende do concreto do mar para facer un concepto global de cooperación do planeta, cos dereitos de cada país e sen que ninguén tente romper a multilateralidad que está a ser rota estes días”.