O alcalde salienta a vivenda accesible como o valor central do novo PXOM
Abel Caballero puxo en valor o “excepcional” Plan Xeral de Ordenación Municipal que vén de aprobar o Concello e que prevé a construción de 51.467 novas vivendas distribuídas por toda a cidade, das que 14.000 terán algún tipo de protección.

“Conseguimos un PXOM que se adapta ao que Vigo é e ao que Vigo necesita”, apunta o rexedor, engadindo que o plan prevé un “importante crecemento” na cidade respectando os límites que marca a lei. As 50.000 vivendas é o máximo que permite a lei actual, sinala Caballero, que avanza que “Vigo crecerá todo o que sexa capaz e este plan axudará. Cunha inmensa mobilización de investimento, inmensa mobilización de recursos para facer un Vigo máis verde, habitable, dotacional e con vivendas para que a xente poida comprar e alugar. O mellor plan que nunca tivo Vigo e nunca puido imaxinar”.
O tema central é a vivenda que “necesita unha resposta” e o PXOM prevé a construción de 51.467 novas vivendas distribuídas por toda a cidade e “libres de especulación” porque é un plan para facer vivendas para a xente, “para que as habiten as persoas e non para que gañen cartos os especuladores”. Do total de vivendas proxectadas, 14.000 terán algún tipo de protección, saíndo á venda ou ao mercado de alugueiro a prezo taxado. “A xente nova precisa vivendas asequibles” e na cidade hai nestes momentos 6.000 persoas demandantes de vivenda protexida que, tal e como apuntou o rexedor, nos últimos anos non puideron ver satisfeita a súa demanda dado que a Xunta de Galicia, que ten a competencia nesta materia, soamente construíu 62 vivendas en réxime de protección.
O novo PXOM establece a esixencia dun mínimo do 30% de vivenda protexida en todos os ámbitos de nova urbanización ou de reforma interior. De media, o PXOM fixa unha porcentaxe de vivenda sometida a réxime de protección do 37%, superior ao 23,75% esixido pola Xunta de Galicia.
O Concello prevé executar 4 ámbitos exclusivos de vivenda protexida de iniciativa pública: Santa Cristina-Parque Central: 200 vivendas protexidas; Santa Cristina-Cantabria-Ramón Nieto: máis de 1.500 vivendas a prezo taxado; e no Ofimático: máis de 2.000 vivendas de protección. Ademais, hai outros 4 ámbitos co 50% ou máis en réxime de protección: Guixar, Ferreiras-Bembrive, Batalla-Beade e Santa Cristina-Severino Cobas para unhas 700 vivendas taxadas.
Zonas Verdes
O PXOM tamén presta “moita atención” aos espazos verdes multiplicándoos por “2,2”, o que supón pasar dos 2.165.940 metros cadrados actuais a 4.808.748 de metros cadrados chegando a “case 5 millóns de metros cadrados de zonas verdes de uso público e libre”. Caballero citou como exemplo o curso do río Lagares que será unha “inmensa zona verde” ou os 6 grandes parques de máis de 50.000m2, que chegarán a 14 e aos que se sumarán 32 novos parques de máis de 25.000 metros cadrados. Entre estas actuacións está a ampliación da Guía e A Riouxa, a ampliación do piñeiral de Samil e haberá novos parques en Teis, A Salgueira, Severino Cobas, Cabral, Sárdoma, Rego do Eifonso, Oia, Clara Campoamor, Finca Matías, Coruxo… porque “necesitamos zonas verdes porque temos poucas e imos cambiar o curso da forma de entender Vigo”.
Amais, contémplanse outros espazos libres en zonas verdes en Cantabria, Praza de España, Porto Rico-Padre Feijóo, Martínez Garrido, no Calvario, Santa Cristina, Cabral, San Roque, Santo Tomé, Quintela ou Matamá. O alcalde citou a Praza de España que experimentará unha importante transformación quedando conformada como unha zona semipeonil que contará cun gran espazo verde, “no centro da cidade que é o que queremos que suceda”.