Activada a consulta cidadá para coñecer a opinión sobre os parques caninos
Abel Caballero informou que xa está aberta a enquisa para a valoración da construción de 9 novas áreas de lecer caninas en Navia, Faisán, Barreiro, Pizarro, A Bouza, Atalaia, María Xosé Queizán, Castelao e no Calvario. O investimento previsto é de 628.700 euros.

A cidadanía xa pode valorar sobre a construción de 9 novas áreas de lecer caninas na cidade. O Concello ten activada na web www.vigo.org unha enquisa para coñecer a opinión da veciñanza sobre estas novas infraestruturas para cans.
O alcalde anunciou que o goberno local levará adiante a construción de 9 novos parques caninos en diferentes puntos da cidade. Sumaranse aos xa existentes en García Picher e Pontenova. Así, o goberno local proxecta as áreas de lecer caninas no parque de Navia, parque da rúa Faisán, parque de Barreiro, parque do Barrio de Ribadavia e Pizarro, parque da Bouza, parque da Atalaia (O Castro), parque de María Xosé Queizán, na Avenida Castelao (á altura do Hotel Coia), e no Calvario (ao inicio da Avenida do Aeroporto). O investimento previsto é de 628.700 euros.
Abel Caballero explicou que a cidade conta con 45.000 cans rexistrados polo que a creación destes parques supón novos espazos delimitados onde os animais poderán moverse libremente en condicións de salubridade e seguridade.
Estas novas áreas de esparexemento sumarán case 5.000 metros cadrados aos xa existentes e estarán integrados na cidade. As instalacións terán fontes de auga, boca de regadío para facilitar a limpeza da zona, papeleiras, iluminación, bancos, elementos de axilidade e xogos para mascotas e sinalización e taboleiros informativo.
Segundo explicou o rexedor, a visibilidade será ampla para garantir a seguridade e que os donos poidan ter as súas mascotas vixiadas. Tamén dixo que haberá zona diferenciada para cans pequenos ou grandes. Tamén se protexerán as árbores existentes e haberá novas especies en caso de ser preciso.