A cidade presentará 18 candidaturas aos galardóns Bandeira e Sendeiro Azul
O alcalde avanzou hoxe mércores que o Concello optará este ano a un recoñecemento máis para as praias viguesas: a Bandeira Azul para o areal O Mende en Teis e repite a candidatura para os 5 sendeiros azuis da cidade.
O Concello de Vigo concorrerá un ano máis á convocatoria da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) que cada ano distingue a calidade de praias e sendeiros naturais de toda España.
Abel Caballero avanzou que “optamos a 18 galardóns, máis ca ninguén en toda España” ao presentar un total de 18 candidaturas: 13 praias para seren premiadas coa Bandeira Azul e 5 sendeiros para o recoñecemento Sendeiro Azul. Na edición anterior, Vigo foi distinguida con 12 bandeiras e 5 sendeiros; este ano incorpórase o areal O Mende en Teis.
Tal e como apuntou, o Concello optará ao recoñecemento de 13 praias do litoral vigués: O Mende en Teis, O Adro en Bouzas, A Punta, Carril, Santa Baia, A Fonte, Argazada, Samil, Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón, Rodas nas Illas Cíes.
Amais, presentará 5 candidaturas para o galardón Sendeiro Azul: a ruta Entre faros - Illas Cíes, Camiño a Beiramar (Canido-Bouzas) - Senda de ribeira e litoral, Senda Litoral do Monte da Guía en Teis, a Vía Verde de Vigo e a Senda de ribeira do río Lagares.