Escoitar

A Oficina Municipal de Voluntariado celebra un encontro sobre voluntariado ambiental os días 18 e 19 de novembro

Un ano despois da catástrofe do Prestige e da actuación voluntaria e solidaria da cidadanía viguesa a Oficina Municipal de Voluntariado reúne a diversos responsables e técnicos coñecedores da situación da xestión do voluntariado nun Seminario sobre o Voluntariado Ambiental, que baixo o título "O papel do Voluntariado Ambiental no Municipio de Vigo", terá lugar o 18 e 19 de novembro na Aula Sociocultural CaixaGalicia (Rúa Policarpo Sanz, 21) das 18:00 as 21:45 horas. O Seminario é gratuíto e no precisa inscrición en ningures, pendente só do aforo da Aula Sociocultural CaixaGalicia.

luns, 17 nov 2003
1068818666imx2095.jpg
voluntarios limpando fuel
O obxectivo do Seminario é o de reflexionar sobre o que se ten feito en materia de xestión do voluntariado, as súas posibilidades de mellora no eido local e social, e os retos que ten que asumir a cidadanía e as estructuras políticas e administrativas perante sucesos como o do Prestige.

Entre os relatores asistentes ó Seminario figuran responsables da Plataforma Nunca Máis, de ADEGA y ERVA-Ecoloxistas en Acción ademáis da Universidade de Vigo, que tratarán dende as súas experiencias a xestión do voluntariado ambiental en Vigo.

O primeiro día abrirá o Seminario a Plataforma Nunca Máis pola que participará Xosé Sánchez quen falará da actuación desta organización e a súa aportación á canalización do sentimento ante a traxedia do Prestige. De seguido serán as aportacións de ADEGA, a través dun dos seus responsables Xavier Pumariño, as que nos trasladarán a acción de coordinación de voluntariado ambiental desenvolvida nas zonas máis directamente afectadas pola contaminación como Carnota, Muxía, Corrubedo...

O seguinte día, mércores, intervirá o responsable de ERVA-Ecoloxistas en Acción, Sr. Toupa, quen falará do traballo feito sobre o voluntariado ambiental nas costas viguesas e no espacio das Illas Cíes. A continuación terá lugar a intervención de Enrique José Varela Álvarez profesor da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, quen aportará datos sobre a xestión desenvolvida polos Concellos galegos na coordinación do voluntariado.

A fórmula do encontro é aberta invitándose a todo aquel que queira participar e reflexionar sobre as causas e consecuencias da marea negra e a acción voluntaria que tivo lugar na nosa cidade. Para iso deixase un espacio o final de cada intervención dos relatores co fin de que os vigueses e viguesas fagan as súas achegas o encontro que serán recollidas nunha futura publicación da Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo.
Descargar todas as imaxes