O goberno local dedica 329.000 euros á aula da UNED
A Xunta de Goberno aprobou a partida para o persoal de atención na aula da UNED e distintos espazos de uso educativo no edificio Mar de Vigo durante 3 anos. “Estamos ao lado da mocidade para facilitarlle formación e os seus estudos”, dixo o alcalde.
A Xunta de Goberno deu luz verde ao contrato dos servizos auxiliares de atención ao público e pequeno mantemento da sala de estudo da UNED e outros espazos educativos do edificio Mar de Vigo. O importe é de máis de 329.000 euros para os tres próximos anos.
Caballero lembrou que o goberno municipal puxo en marcha tamén a aula de lectura en Navia, Bouzas e a Neira Vilas, “un servizo importantísimo para que a mocidade estude alí, porque moitas veces na casa non se dan as condicións óptimas e prefiren estudar en grupo”, dixo o rexedor.
“Estamos ao lado da mocidade para facilitarlle formación e os seus estudos”, declarou o rexedor. Caballero criticou que desde o BNG critiquen as salas de lectura e que o PP da Xunta de Galicia non fixera ningunha nestes anos.
Promoción do emprego na mocidade
A Xunta de Goberno tamén aprobou subvencións a catro entidades sen ánimo de lucro para fomentar o emprego mediante proxectos relacionados coa investigación, innovación e emprego cun importe de 40.000 euros. “Subvencións para que a xuventude traballe e complete os seus graos”, resumiu o alcalde.
Así, os beneficiarios destas axudas foron a UVigo Motorsport cun importe de case 11.000 euros. Clean Energy Ship UVigo coa mesma cantidade; 9.470 euros para Tecnológica A industriosa e 9.083 para Fundamar.
Para o alcalde estas axudas facilitan a adquisición de experiencia no ámbito da investigación e da innovación, amais de fomentar a investigación e o desenvolvemento de proxectos que melloren a actividade económica e o incremento do emprego.