Escoitar

“Urco, unha historia reciclada”, o chamamento do Concello contra o abandono animal

Este venres, 4 de outubro, celébrase o Día Mundial dos animais e o goberno municipal pon en marcha unha campaña de concienciación cidadá para visibilizar o abandono animal tras o verán.

venres, 4 out 2024
Portada do libro
Portada do libro

Abel Caballero explicou que o obxectivo municipal con esta campaña é concienciar sobre a adopción responsable de animais, tanto de cans como de gatos, para entender que “cando se adopta un animal é para sempre. As adopcións teñen que ser responsables”.

O instrumento para desenvolver esta campaña é o libro “Urco, unha historia reciclada”, unha publicación editada polo Concello que narra a historia real dun can e os seus avatares, con ilustracións realizadas con materiais reciclados (bolsas de lixo, tapóns, redes de froitas, envases de leite…). Tal e como explicou o rexedor, a iniciativa vai dirixida a todos os centros escolares, onde o Concello entregará exemplares dos libros e onde os técnicos de Medio Ambiente impartirán charlas, a petición dos centros, nos que trasladarán a mensaxe da importancia das adopcións e do rexeitamento ao abandono animal.

O alcalde lembrou tamén que, desde o 1 de setembro, o Concello ten en marcha o novo contrato do refuxio municipal, cunha dedicación de 720.000 euros anuais, o que “multiplica por sete o que dedicabamos noutros tempo para que os animais sexa tratados nas condicións de dignidade que esixe a lei e que esixe a conciencia de querenza aos animais”.

Nestes momentos, o refuxio conta con 322 animais (195 cans e 127 gatos) e no mes de setembro realizáronse 28 adopcións de cans e 24 de gatos.

 

 

 

Descargar todas as imaxes