O alcalde apunta que "o novo túnel de acceso directo a Vialia desde a autoestrada aliviará o tráfico e evitará problemas"
O novo túnel de acceso desde a autoestrada AP9 ao edificio de Vialia, que facilita o acceso ao aparcamento da estación “sen ter que entrar no corazón da cidade” e eludindo a entrada a Vigo, “vai aliviar o tráfico e evitaranos problemas”, explicou este venres Abel Caballero. O alcalde acudiu ao simulacro de seguridade do túnel coordinado polo 112, Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local e Bombeiros. As previsións indican a apertura da nova conexión en novembro.

Abel Caballero recalcou hoxe que o novo túnel que dá acceso a Vialia desde a autoestrada “está correcto” desde o punto de vista da seguridade e “está moi ben preparado”, á vez que apuntou que a apertura só está pendente da autorización da Dirección Xeral de Tráfico.
O alcalde lembrou, tras a simulación organizada para comprobar que se garante a seguridade dos usuarios e que se dá resposta rápida e efectiva ante unha emerxencia, que o límite de velocidade do túnel será baixo. “É unha obra excepcional cun resultado magnífico realizada entre o Concello, a Xunta e ADIF", remarcou.
Caballero afirmou que unha vez aberto o novo túnel, en novembro, "acabaremos satisfactoriamente a gran obra da estación do AVE; a chegada en alta velocidade dos trens a Vigo, todo o ámbito de Vialia, a nova praza, o HALO, e os accesos de entrada e saída da cidade. É unha obra excepcional que cambia unha cidade e poucas urbes no mundo teñen algo como temos nós aquí, en Vialia. É unha forma de entender a modernidade de Vigo".
Simulacro
O simulacro reproduciu unha situación de máximo perigo provocado polo incendio dun vehículo no seu interior. "Un simulacro en tempo e condicións reais para garantir que a seguridade do túnel está nas mellores das condicións", afirmou o alcalde.
Entre as accións realizadas pola Policía Local atópanse o peche das barreiras, coa finalidade de comprobar que se bloqueou o acceso ao túnel para impedir a entrada de vehículos desde a AP-9. Tamén activaron a megafonía SOS para comprobar a transmisión de mensaxes de evacuación dirixidos aos ocupantes do túnel. Ademais, revisaron as saídas de emerxencia para verificar que todas as saídas estean accesibles e operativas.
Durante o simulacro verificouse a coordinación cos bombeiros, asegurando que poidan acceder ao túnel e organizar os puntos de intervención. Procedeuse a monitorear as cámaras e supervisar en tempo real o incidente para avaliar a situación dentro do túnel.
A Policía Local tamén controlou a sinalización para cambiar a electrónica e as indicacións de emerxencia tanto á Sala de Xestión da Mobilidade como ao Centro de Xestión do Tráfico do Noroeste: paneis de mensaxe variable da AP-9. Ademais, asegurouse o contacto continuo cos equipos de emerxencia para coordinar as accións.



