Escoitar

O temporal require 34 intervencións de Policía e Bombeiros na cidade

O alcalde informou este xoves das incidencias provocadas polo paso da borrasca Aitor por Vigo facendo fincapé na importancia da revisión permanente do arborado.

xoves, 26 set 2024
Árbore caída na Avenida de Castelao
Árbore caída na Avenida de Castelao

Segundo explicou o rexedor, desde as 15:00 deste mércores, a Policía Local e os Bombeiros de Vigo realizaron 34 intervencións na cidade: 6 relacionadas con inundacións, 4 en postes e cableados, 1 incendio nunha vivenda, 1 intervención urxente na porta dunha vivenda, 6 actuacións por danos en edificacións e 1 no ascensor dun domicilio.

Das consecuencias do temporal, Caballero salientou a caída de 15 árbores porque “significa que temos que estar atendéndoos permanentemente e vendo cales están deterioradas e son susceptibles de caer nun temporal, porque as árbores teñen un período de vida”, polo que se deben retirar para previr caídas en días de choiva e vento fortes.

En canto ás instalacións deportivas municipais, o temporal provocou deficiencias “menores” que non impediron o desenvolvemento das actividades con normalidade “e hoxe continuará da mesma maneira”.

O alcalde deu conta tamén da actuación dos bombeiros no Halo, onde foi pechado o semicírculo de acceso polo temor a que algúns cristais non aguantaran a forza do temporal, ata que a empresa construtora certificou que “a estrutura e os cristais son resistentes” a temporais fortes.

Descargar todas as imaxes