O goberno local aprobará a remodelación do parque Finca Matías
Abel Caballero avanzou que a Xunta de Goberno aprobará o proxecto do parque Finca Matías cun importe de 2.850.000 euros. O proxecto inclúe un macroparque infantil e zonas verdes. O alcalde adiantou que o goberno local xa traballa no deseño para o acceso a través de medios mecánicos desde Travesía de Vigo ata Finca Matías e conectar coa rúa Aragón.

Caballero avanzou o que considerou “unha obra moi importante”: a remodelación do parque Finca Matías. A Xunta de Goberno aprobará o proxecto que conta cun orzamento de 2.850.000 euros.
Caballero destacou que será “un gran macroparque con dúas áreas diferenciadas por idades”. O proxecto tamén inclúe a adecuación dos accesos para a conexión integral de todo o parque e as rúas Travesía de Vigo e Aragón. O alcalde adiantou que o goberno local xa está a traballar no deseño dun sistema de mobilidade mecánica, un novo elemento do Vigo Vertical, para a conexión de Travesía co parque e posteriormente poder achegarse ata a rúa Aragón.
O parque será unha zona verde con novas áreas de xardín, céspede, pantallas vexetais e plantación de novo arborado. O parque terá novas zonas de encontro, que contarán con novo mobiliario urbano. Tamén se renovarán todos as redes de subministros e haberá novas luminarias de alta eficiencia enerxética.

