O Concello amplía a atención nas oficinas municipais do padrón
O alcalde explicou este mércores que o goberno municipal “segue mellorando o servizo á cidadanía viguesa” habilitando cinco fiestras máis de atención cidadá no Rexistro a través das cales se poden xestionar trámites do padrón, entre outros.
O Concello está introducindo “melloras nas oficinas municipais do padrón” ampliando a atención e os servizos á cidadanía para trámites que poderán xestionarse tanto no portelo de padrón, igual que ata agora, como nos portelos do Rexistro onde se habilitaron 5 postos máis, sumando un total de 7 co fin de “darlle celeridade ao trámite” de peticións de certificados e volantes de empadroamento.
“Seguimos mellorando o servizo á cidadanía viguesa”, sinalou Caballero ao tratar de acortar moitísimo o tempo de espera das persoas que acoden de forma presencial” ás dependencias municipais onde “todo o mundo será atendido sen necesidade de petición de cita previa”. Incidiu o rexedor neste extremo lembrando que a atención presencia “non require cita previa”, retirando o número ao chegar á lonxa do Concello e esperando a quenda a través das pantallas dispoñibles alí.
Outra das novidades é o servizo de notificacións municipais, mediante o cal o Concello envía un SMS ao cidadán coa ligazón para descargar o documento do trámite solicitado. No caso de que a persoa non poida descargalo pola súa conta, pode facelo presencialmente no Concello, acudindo sen cita, á oficina do Rexistro.
O rexedor explicou que, malia que moitos dos trámites da oficina do padrón e doutros servizos municipais poden solicitarse por vía telemática “non todo o mundo é quen de facelo”, polo que cómpre ofrecer este servizo de xeito presencial.